A Deputación de Lugo presenta un programa pioneiro de formación para 321 traballadores

la voz LUGO

LUGO

O presidente da Deputación, José Tomé, no seu despacho
O presidente da Deputación, José Tomé, no seu despacho

Os funcionarios provinciais contarán con ferramentas para a súa promoción e mellora dos servizos que prestan aos cidadáns

11 feb 2021 . Actualizado a las 13:31 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este xoves a posta en marcha o vindeiro mércores dun plan de formación pioneiro en Galicia dirixido aos traballadores públicos da institución provincial. Trátase dunha Acción Formativa para o Procedemento de Promoción Interna Horizontal, na que poderán participar 321 empregados da entidade, máis da metade da plantilla. 

José Tomé, que compareceu xunto á deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, e da deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, subliñou que «é a primeira vez na historia da Deputación que se leva a cabo unha acción deste tipo, pero tamén é pioneira entre as administracións públicas de Galicia, tanto polas características da formación, como polas súas dimensións e alcance», en tanto que chegará a máis da metade dos traballadores da institución. 

Co plan, explicou o Presidente, a Deputación cumpre «un dobre obxectivo: damos ferramentas aos empregados e empregadas públicas da Deputación para progresar na súa carreira profesional a través da mellora das súas competencias e capacidades, o que supón un salto nas súas condicións laborais e salariais, e, ao mesmo tempo, melloramos o funcionamento da Deputación, e, polo tanto, a atención aos concellos e á cidadanía, e a prestación dos servizos públicos. Uns servizos públicos que, unha vez máis, se demostrou que son o único escudo eficaz e universal para facer fronte ás crises. O que de verdade garante a igualdade de dereitos e de oportunidades dos cidadáns». 

O presidente socialista dixo que este programa «ten unha prioridade moi clara, seguir avanzando cara unha institución máis eficaz, áxil e próxima. En definitiva, unha institución cada vez máis útil ós concellos e ós veciños e veciñas, a quen nos debemos todas as persoas que exercemos a función pública. Para logralo, é imprescindible contar cun corpo de funcionarios ben dimensionado, e tamén ben preparado, especializado e con coñecementos permanentemente actualizados, algo aínda máis importante nestes tempos marcados polas especiais necesidades da pandemia». 

Co Plan de Formación para a Promoción Interna Horizontal, o goberno provincial, explicou José Tomé, «fai realidade un acordo da Mesa Xeral de Negociación que levaba tempo pendente de materializar, dende antes de que tomásemos posesión».  

Tres niveis de formación e catro módulos

Os cursos, que comezarán o vindeiro mércores, 17 de febreiro, prolongaranse ata o mes de maio e contarán con tres niveis, en función dos distintos grupos de clasificación profesional dos funcionarios. Haberá catro módulos que tratarán sobre a propia Deputación, recursos humanos, procedemento administrativo e novas tecnoloxías. Impartiranse 8 edicións dos distintos cursos, que en total suman 320 horas de formación. 

Co fin de facilitar a participación, que en todo caso será de carácter voluntario, e co fin de extremar a prevención ante a pandemia da covid-19, a formación desenvolverase de xeito telemático.