Seis concertos en liña para o animar o Entroideando

Lorena García Calvo
lorena g.c. LUGO / LA VOZ

LUGO

Wicked World é un dos grupos que actuará online no Entroido de Lugo
Wicked World é un dos grupos que actuará online no Entroido de Lugo Carlos Castro

O certame de disfraces por Internet completarase con actuacións musicais e un vídeo do colectivo Pepe Barreiro

06 feb 2021 . Actualizado a las 18:42 h.

O entroido chama á porta, e Lugo xa ten perfilada a súa programación. Desta volta, por mor do covid, as actividades non serán presenciais, pero manterán o espírito festivo e darán protagonismo á música.

Foi a concelleira de Cultura de Lugo, Maite Ferreiro, a encargada de desvelar onte cal será a programación musical deste entroido tan diferente. A edila explicou que «achegamos unha proposta de concertos contando coma sempre cos grupos e as empresas do tecido cultural local, tendo como obxectivo garantir o entretemento nun entroido distinto debido á crise sanitaria».

O sábado 13 ás 13 horas comezará o concerto de Atlántica, e ás 20:30 será o turno de FruitJuzz. O domingo a sesión vermú online correrá a cargo de Mixtape, mentres que o pase vespertino, tamén ás 20:30 horas, terá como protagonistas a Wireless. O luns o programa inclúe a actuación de Wicked World a partir das 20.30 horas, mentres que o martes ás 13 horas chegará a quenda de Rachel & The Blue Batons.

Desta volta, polas circunstancias da pandemia, non haberá concurso de disfraces, pero si un certame online baixo o nome de Entroideando. As persoas que o desexen poderán subir unha foto ou un vídeo ás redes sociais lucindo o seu disfraz deste ano ou dos anteriores, e etiquetar a publicación co cancelo #Entroideando.

Deberán indicar a que ano corresponde a foto e nas imaxes deste 2021 terán que respectarse todas as normas sanitarias, lembran dende Cultura.

Para completar a programación do entroido, a concellería difundirá a través de redes sociais un vídeo elaborado pola Asociación Pepe Barreiro que resume os vinte anos de actividades do colectivo. No vídeo, os veciños de Lugo poderán ver imaxes de conferencias organizadas pola asociación ao longo destes anos, retrospectivas dos enterros da sardiña e imaxes que refiren á exposición «Asociación Pepe Barreiro, un antes e un despois», que se instalou na Rúa da Raíña o entroido pasado.