O Entroido de Lugo, desde a casa

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Cartel do Entroido telemático do Concello de Lugo
Cartel do Entroido telemático do Concello de Lugo

O Concello organiza un concurso de disfraces onde os premios serán vales de compra nas librarías da cidade

02 feb 2021 . Actualizado a las 17:41 h.

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou o certame telemático de disfraces Entroideando 2021, co que desde o Concello de Lugo se pretende manter a tradición e o espírito do Entroido, debido a que este ano non se poderán realizar os tradicionais desfiles e actividades artísticas e culturais que se viñan realizando nas rúas da cidade. Ferreiro anunciou que «xunto co concurso de disfraces, nos vindeiros días anunciaremos unha serie de concertos telemáticos cos que complementaremos a programación deste Entroido».

Ferreiro explicou que «o certame de disfraces Entroideando 2021 non ten carácter competitivo, senón que pretendemos fomentar o carácter lúdico do Entroido, tanto con disfraces caseiros como con disfraces máis elaborados». A edil de Cultura afirmou que «pretendemos fomentar a participación veciñal» e engadiu «todas as persoas que participen terán as mesmas posibilidades de gañar algún dos premios».

Para participar no certame Entroideando 2021, as persoas que o desexen deberán subir unha foto ou vídeo ás redes sociais co disfrace de Entroido do ano actual ou de anos anteriores, e etiquetar a publicación co cancelo #Entroideando. Na descrición da publicación deberá indicarse tamén o ano de realización, e nas imaxes de nova realización deberán cumprirse todas as normativas sanitarias vixentes, derivadas da crise sanitaria.

Entre todas as participantes realizarase un sorteo de 64 vales de 60 euros para mercar nas distintas librarías locais. Cada persoa poderá subir todas as imaxes que desexen, mais só poderán entrar ao reparto de premios cun máximo de tres participacións. De cara á realización do sorteo só se terán en conta as publicacións realizadas entre o 5 e o 17 de febreiro, comezando e rematando o prazo ás 14 horas de cada día.

Enterro da sardiña

A área de Cultura difundirá nas redes sociais un vídeo elaborado pola Asociación Pepe Barreiro, que resume os 20 anos de vida da asociación e as actividades realizadas. No vídeo, os veciños de Lugo verán imaxes das distintas conferencias organizadas pola asociación, xunto con retrospectivas dos enterros da sardiña, ademais, inclúense imaxes que da exposición «Asociación Pepe Barreiro, un antes e un despois», que se situou Entroido 2020 na Rúa da Raíña.