Catro xeracións conviven nunha casa de Os Ancares: «Isto é festa ou berros todos os días»

María Guntín
María Guntín OS ANCARES / LA VOZ

LUGO

Catro xeracións conviven nunha casa de Vilaverde, nos Ancares
Catro xeracións conviven nunha casa de Vilaverde, nos Ancares Carlos Castro

En Vilaverde, a oito kilómetros de Navia, dez persoas conviven na mesma vivenda. Ademais, nesta aldea, os veciños decidiron xuntar as súas explotacións

30 ene 2021 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai 50 anos, nas casas das aldeas de Os Ancares todo era barullo. A xente entraba e saía constantemente, ataviada nas tarefas da casa ou atendendo ao gando. Entón, o normal era que varias xeracións conviviran baixo un mesmo teito. Agora, a sociedade mudou por completo e tamén as formas de vida. Que moita xente nova fora estudar e traballar ás cidades contribuíu a este cambio de tendencia. Xa non hai volta atrás, as parellas novas buscan independencia e moita xente maior remata os seus días nas residencias de anciáns. Por isto do que estamos a falar todo o que conta Marifé Pérez, da casa do Chao de Vilaverde, ten un valor incalculable nestes tempos.

Nunha vivenda de pedra situada a case oito kilómetros de Navia de Suarna conviven catro xeracións dunha mesma familia. Dez persoas comparten o seu día a día na aldea e en definitiva, a súa vida. A máis maior é a bisavoa, que ten 86 anos e o máis pequeno é Mael, un neno de dous e medio namorado dunha cadela de raza Golden Retriever chamada Lúa. «Xa saímos no xornal co can conducindo e o neno no remolque», di Marifé chea de orgullo. En contra do que poida parecer, Lúa é a encargada de premer o acelerador, ou máis ben a que se sostén sobre o asento do piloto. Mael é o que habitualmente vai no remolque. Parece que non poden vivir o un sen o outro. Moitas veces son os animais os que nos dan unha lección sobre cales son os verdadeiros instintos naturais, que falan de fidelidade e amor desinteresado.

  O pequeno Mael, ca súa avoa Marifé e cos cans
O pequeno Mael, ca súa avoa Marifé e cos cans Carlos Castro

Pero, volvendo ao tema e sobrevoando a cantidade inxente de historias que se cruzan polo camiño nesta pequena aldea da provincia de Lugo, a casa do Chao construíuse na primeira metade do século XIX. Aquí, a vida caracterízase por fuxir do consumismo e por unha economía que está baseada no autoconsumo. Fan a matanza tódolos anos —matan sobre catro porcos—, pero tamén teñen pitas e unha horta na que non faltan os vexetais característicos de cada tempada do ano. Ademais, o pan co que se alimentan sae do seu forno, no que cocen unhas dúas ducias de moletes cada 20 días. «Dende salsa de tomate a marmelada, aquí faise de todo na casa», conta a filla de Marifé, Leticia. Ela, xunto co seu marido Pablo e cos seus dous fillos, Mael e Eric, mudou a Vilaverde en outubro. A pandemia empurrounos a tomar unha decisión que pouco lles custou asumir, conscientes da factura psicolóxica que pasa a pandemia a todos aqueles que están «pechados nun piso». Leticia lembra agora como o seu marido «baixaba correr polo garaxe» cando vivían na cidade. Aquí, en Vilaverde, esta rapaza non dubida en asegurar que a determinación tamén a tomaron pensando no benestar dos seus pequenos. «Aquí o risco é mínimo, son tres na clase», salienta. Marcharon para o campo, perderon aglomeracións e gañaron liberdade.

«Tiñamos que volver aquí»

Pero a casa do Chao non sempre estivo chea de xente, di Marifé, que salienta cun sorriso que hai dez habitacións, pero que aínda teñen unha pequena marxe para o que poida acontecer xa que quedan dúas libres. Ela, xunto co seu marido, viviu en Becerreá máis de 20 anos. «Este era o camiño, tiñamos que volver para esta casa. Todo se foi torcendo para ao final, rematar aquí», din os dous.

Aínda que todo resulte bucólico nunha primeira instancia, nunha casa con dez persoas hai moito traballo. «Isto é unha festa ou son berros todos os días», di Leticia mentres ri amplamente. Ademais, os seus pequenos son os únicos nenos da aldea, os pequenos mimados de Vilaverde, onde quedan seis casas habitadas e viven algo máis de 20 persoas. Esta cifra consolídaos como afortunados ao ter en conta o mapa de despoboación que ameaza e compromete seriamente o futuro de Os Ancares. Aquí quedan moitas vivendas, pero o difícil é facelas habitables porque a meirande parte están caendo. Na do Chao, a un paso de Navia, queda moita vida e o día a día é ben movido. «Somos felices», di Leticia dende a porta.

 Os veciños que decidiron xuntar as súas explotacións

Oito socios conforman a SAT La Capilla, que conta con 280 vacas en extensivo

As vacas aparecen nun primeiro plano e ao fondo, os cumios nevados dos Ancares conforman unha imaxe que enche os pulmóns ata ca máscara anticovid posta. Cos pés no prado, dende esta estampa de película, José Mon Gómez e Alberto López son os encargados de falar do funcionamento da Sociedade Agraria de Transformación (SAT) La Capilla de Vilaverde. «Estaba quedando todo baleiro, e xa hai uns anos esta foi a solución que atopamos entre os veciños», contan os dous. Antes de crear esta sociedade había xente da aldea que xa tiña as súas vacas, pero por separado resultaba máis custoso sacarlles rendibilidade. Por iso tiveron claro que a unión dos recursos sería moi valiosa e, ao mesmo tempo, axudaría a fixar poboación. «Isto ten varias vantaxes. A primeira é que o traballo está moi repartido e que fai falla menos maquinaria porque todos empregamos a mesma», explica José. El e mais Alberto son ademais de socios da SAT traballadores fixos. Alí, dende a montaña, falan de que é máis doado conciliar cun traballo de tales características e son tamén exemplo de que a calidade laboral é un termo pouco empregado pero moi valioso.

Os veciños desta aldea ancaresa cederon o uso das súas fincas á sociedade agraria. Estes oito socios suman aproximadamente 280 cabezas de gando que pacen fóra durante todo o ano. «Na primavera é máis sinxelo traballar porque non lles hai que dar de comer», contan os dous empregados da SAT. As fincas están divididas en parcelas e nunha delas é onde está instalado un depósito de grandes dimensións así como placas solares e un muíño de vento que permiten mover a auga, que posteriormente se reparte polas fincas para que os animais teñan onde beber.

Máis de 250 vacas pacen nas fincas desta aldea ancaresa.
Máis de 250 vacas pacen nas fincas desta aldea ancaresa. Carlos Castro

Ademais, a SAT La Capilla ten unha función que vai moito máis aló do que é unha explotación ao uso. «Cas vacas, as fincas están limpas. Elas son tamén un remedio contra o lume, e chegan incluso ata as zonas de monte», contan. Por outra banda, a carne ancaresa destaca pola súa calidade xa que as vacas aliméntanse nos pastos durante o estío e de herba ensilada no inverno.

No día a día deste inverno no que a neve xa fixo acto de presenza en Vilaverde, Alberto e José levántanse pola mañá pensando no almorzo que lle teñen que ir dar ás vacas. En total, botan unhas tres horas alimentando aos animais, xa que teñen varios rabaños distribuídos por distintas fincas. Despois, toca atender aos becerros que están nas cuadras, «e tamén mirar a cada un dos animais para saber se están por parir ou se algunha pode estar enferma», engaden. Antes, tiñan algún que outro problema cando as vacas parían, pero xa o solucionaron cambiando a raza do toro.

Aquí, en Vilaverde, xa sufriron algún arrebato do lobo. Hai dous anos, o cánido matoulles uns 30 xatos. Para previr os ataques dos animais salvaxes, nesta SAT decidiron integrar varios mastíns que custodian o gando. A isto, súmaselle un peche efectivo e, polo momento e dende hai uns meses, salientan que están «tendo a festa en paz».