Na lembranza do patriarca dos Seivane

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Xosé Manuel Seivane, cuxo centenario do seu nacememento se cumpre este ano
Xosé Manuel Seivane, cuxo centenario do seu nacememento se cumpre este ano

O mércores cumpríronse nove anos do pasamento dunha figura do desenvolvemento cultural da Galicia do século XX e que neste 2021 cumpriría cen anos

28 ene 2021 . Actualizado a las 17:26 h.

O pasado día 27 de xaneiro cumpríronse nove anos do pasamento do patriarca dos Seivane. Pero este ano non é un ano calquera, xa que se cumpren cen do nacemento de Xosé Manuel Seivane, o 9 de febreiro de 1921 en Fonmiñá, A Pastoriza.

Esta figura, como explican os seus fillos Álvaro e Xosé Manuel, «converteuse nun dos artesáns de gaita máis recoñecidos de todos os tempos, e iniciador dunha prestixiosa saga de artesáns e músicos, que maxistralmente tomaron o seu relevo: no obradoiro, os seus fillos, orgullosos legatarios da sabedoría do seu pai e impulsores directos da evolución do instrumento; e nos escenarios, a súa neta Susana Seivane, unha das intérpretes de gaita máis célebres a nivel internacional».

En definitiva, toda unha vida dedicada á construción do símbolo musical por excelencia de Galicia.

Libro de Xosé Manuel Sánchez Rei sobre Xosé Manuel Seivane
Libro de Xosé Manuel Sánchez Rei sobre Xosé Manuel Seivane

Un recorrido vital, unha traxectoria e unha obra no que afondou recentemente Xosé Manuel Sánchez Rei, gaiteiro e profesor titular na Área de Filoloxía Galega e Portuguesa da Universidade da Coruña, coa edición do libro «Xosé Seivane. A gaita con maiúscula (2019, Editorial Canela).

Os fillos do ilustre artesán e músico lucense sinalan que Xosé V. Ferreirós, músico e cofundador do Grupo Milladoiro, no limiar deste libro «expresa perfectamente o que unha figura así significa para Galicia, porque ‘ese proxecto común, que é Galicia, só será posible se todos poñemos o esforzo por salvagardarmos os nosos costumes, crenzas, bailes, músicas, cantigas… Seivane así o creu, facendo da súa paixón unha forma de vivir'».

Ou en palabras do investigador, escritor, catedrático e académico galego, Xesús Ferro Ruibal, «Seivane é un anticipo da Galicia que soñamos».

Os fillos de Xosé Manuel Seivane indican que «nestes tempos tan duros que estamos vivindo fainos máis falta que nunca estes pioneiros e soñadores que sen pretendelo deixaron un mundo mellor co que atoparon».