Antonio Prado Gómez, historiador

O recente traslado do monumento levantado fai doce décadas en honra do músico lucense Juan Montes Capón, para situalo no seu novo emprazamento da Praza Maior da cidade de Lugo, anímanos a pronunciarnos positivamente sobre a oportunidade desta decisión posto que a vida persoal e a actividade profesional do célebre compositor e instrumentista tiveron como escenario principal a citada praza: alí estudiou durante máis dunha década no antigo Seminario conciliar situado no edificio actual do Colexio dos PP. Franciscanos, alí dirixiu a Banda municipal de Lugo e alí colaborou co contiguo Círculo de las Artes, tanto na súa primeira como na segunda sede social, mantendo con esta Sociedade unha relación particularmente intensa da que aquí imos a ocuparnos.

A segunda metade do século XIX sería o ámbito cronolóxico do chamado Rexurdimento, un movemento cultural galego identitario que pretendía rescatar a lingua propia de Galicia e con ela trazos esenciais da súa personalidade cultural, como a literatura, a música ou as tradicións populares. Neste ámbito de recuperación das esencias vernáculas vaise desenvolver a vida e a obra dun músico lucense de recoñecido talento e particularmente querido polos seus paisanos: Juan Montes Capón (1840-1899).

Os circuítos profesionais e afectivos 

Non pretendemos aquí ofrecer unha biografía do personaxe, ben coñecida por outra parte a través de estudos como os de Juan Bautista Varela de Vega e José LópezCalo (1) , senón achegarnos a un dos circuítos profesionais e afectivos máis intensos que tivo Juan Montes, aquel que fai referencia ao Círculo das Artes de Lugo, a institución máis representativa na historia da vida cultural, musical e lúdica da cidade.

Programa que incluía a Juan Montes
Programa que incluía a Juan Montes

Orfo de pai desde os dez anos, Juan Montes ingresaría no Seminario de Lugo -por entón no actual edificio dos PP. Franciscanos da Praza Maior-, onde permanecería ata 1864 sen chegar a ordenarse sacerdote. Sería unha etapa de xuventude e de formación como seminarista ao final da cal comezaría a súa relación co Círculo das Artes, ao que se incorporaría como socio en 1861 e onde sería contratado como pianista o ano seguinte.

No edificio que ocupou a Sociedade desde a súa fundación en 1855 ata a súa marcha á nova sede en 1897, Juan Montes amenizaría as veladas musicais dos socios desde 1862 a 1865, uns anos nos que o Círculo intentaba asentarse como entidade cultural e recreativa con certa dificultade. Montes substituía como pianista ao seu mestre Isidoro Blanco Fernández (2) e, segundo indicaba o seu primeiro contrato, cobraría 80 rs. ao mes por tocar durante dúas horas as tardes dos mércores e domingos, ao mesmo tempo que se lle eximia do pago da cota de socio que aboaba desde o 30 de novembro do ano 1861. En novembro de 1863 ampliaríase o seu horario de actuación a tres horas durante os luns, mércores e sábados, así como tamén se incrementaba o seu salario, que pasaba a ser de 120 rs. mensuais (3).

Porén, a principios do ano 1865 arrefriáronse as relacións do Círculo co músico ao que se acusaba de escasa responsabilidade no cumprimento das súas obrigas e, en consecuencia, decidíase substituílo por Agustín Salvador Paz (4). Esta contrariedade non impediu que a conexión entre o músico e a Sociedade se mantivese e que o Círculo requirise aos conxuntos musicais que Montes constituía e dirixía co fin de amenizar os seus festexos (5).

Plaza de Santo Domingo con la estatua de Juan Montes
Plaza de Santo Domingo con la estatua de Juan Montes LUGO FOTO

O virtuoso instrumentista permanecería algúns anos afastado de responsabilidades profesionais directas con respecto ao Círculo das Artes, pero non por iso descoidou a súa presenza no ámbito musical lucense (6) , xa que en 1876 se encargaría da dirección da Banda municipal e en 1879 converteríase na alma mater do Orfeón Lucense, agrupación coral que en 1887 adoptaría o nome de Orfeón Gallego e que baixo a súa dirección acadaría grandes éxitos e numerosos premios (7). O músico participaría tamén de maneira activa en 1891 na creación da Asociación de Escritores y Artistas de Lugo que promoveu Manuel Castro López, converténdose en vicepresidente desa Asociación e en cabeza visible da súa sección artística xunto co arquitecto Nemesio Cobreros y Cuevillas e o debuxante e pintor Manuel Martínez Fole. 

Anos oitenta

Realmente, nos anos oitenta o seu prestixio como compositor e instrumentista estaba consolidado, e por iso non sorprende que os directivos do Círculo volvesen procurar os seus servizos. A ocasión propiciaríaa a baixa, no mes de marzo de 1881, dun dos membros do terceto de músicos que mantiña a Sociedade e que constituían o pianista Manuel Fernández, o frautista Juan Latorre e o violinista Julio Alonso. O primeiro deles dimitiría por ausentarse de Lugo e no concurso aberto para ocupar esa praza unicamente se presentou Juan Montes, quen aceptou cubrila con certas condicións: a primeira, a de percibir un salario de 10 rs. diarios (cando Latorre e Alonso percibían só 6 rs.); a segunda, a de limitar a súas actuacións nocturnas; e a terceira, a de non estar obrigado a impartir clases de música na Academia que o Círculo das Artes proxectaba neses momentos (8).

Nos anos seguintes acrecentaríanse as relacións entre o músico e a Sociedade e así, a fins de 1885 (9), e a pesar de que as responsabilidades profesionais externas do músico eran cada vez maiores, este comprometíase a tocar todos os días polas tardes e os festivos ademais pola noite, aumentándose o seu salario en 2 rs. diarios. A partir do ano 1886 (10) actuaría, acompañado do violinista Julio Alonso, durante unhas veladas musicais que se prolongaban desde as 9 ás 10,30 da noite, e nos festivos, ademais, pola tarde, recibindo cada un dos músicos 10 rs. diarios como retribución. Hai que recordar que, por entón, o Círculo das Artes non dispoñía do magnífico edificio social actual, polo que esas sesións musicais celebrábanse na súa antiga instalación da casa nº 13 da Praza Maior alugada á familia Sánchez Guardamino. Nestas dependencias traballaría desde fins dos anos oitenta un grupo musical dirixido polo propio mestre Montes que se mantería practicamente ata a súa morte (11).

REPRODUCCION DE LA CORRESPONDENCIA ENTRE EUGENIO DUQUE, AUTOR DE LA BASE DEL BUSTO DE JUAN MONTES, Y DIVERSOS INTELECTUALES DEL MOMENTO
REPRODUCCION DE LA CORRESPONDENCIA ENTRE EUGENIO DUQUE, AUTOR DE LA BASE DEL BUSTO DE JUAN MONTES, Y DIVERSOS INTELECTUALES DEL MOMENTO ALBERTO LÓPEZ

Director do Orfeón Gallego

As relacións do Círculo con Juan Montes non se limitaban ao seu traballo como pianista e promotor de conxuntos musicais, xa que a Sociedade apreciou inmediatamente o labor que realizaba como director do Orfeón Gallego, unha masa coral cuxos éxitos repetíanse en certames por toda España dignificando a cidade de Lugo e os lucenses, e á que o Círculo ofrecería sucesivos apoios económicos como a significativa entrega de 300 ptas. para que puidese participar no mes de agosto de 1890 no festival de agrupacións corais de Santander, onde conseguiría o segundo premio (12). Tamén apoiaría as súas actuacións no teatro que existía entón na cidade de Lugo, posto que os directivos da Sociedade eran conscientes da escasa capacidade dos seus locais para acoller agrupacións deste tipo ata que foi posible inaugurar o seu novo e flamante edificio (13).

Pola súa parte, o músico foise identificando cada vez máis co Círculo das Artes, como demostra a súa desinteresada colaboración na adquisición de accións para financiar o inmoble social que comezaría a levantarse a finais do ano 1895 (14). As dependencias moito máis amplas desta nova sede permitirían un apoio máis inmediato á masa coral propia que se pretendía organizar baixo a dirección de Montes e á que se cedían certos espazos da terceira planta para que puidese desenvolver os seus ensaios (15).

A vida de Juan Montes Capón non sería moi longa e, de feito, morrería antes de cumprir os sesenta anos. Na sesión que celebraba a directiva do Círculo o 24 de xuño de 1899, o entón presidente Ramón Olano Carreira comunicaría con gran sentimento que Juan Montes Capón falecera na madrugada anterior. Nesta lembranza aplicábaselle o epíteto de “gloria del arte musical” e constatábase “la intensa pena” de todos os socios e directivos polo falecemento. Ao enterro, que se celebraría o día seguinte ás seis da tarde, acudirían como representación da Sociedade o seu presidente Ramón Olano Carreira, o vicepresidente Antonio Armas Ulloa e o secretario Emilio Piriz Pérez, acompañados dos xoves integrantes da sección lírico-dramática. Como semellante artista non podía ser esquecido, o Círculo das Artes asumía a responsabilidade de perpetuar a súa memoria, organizando neste sentido unha comisión constituída polos tres directivos citados máis o señor Francisco Rodríguez Besteiro, presidente da indicada sección, a fin de que propuxese o máis conveniente para que se puidese recordar no futuro a un músico cuxo prestixio excedía a escala local e afectaba “á los gallegos todos, que en Galicia buscan en la música de Montes regocijo y esparcimiento para el espíritu, y fuera de Galicia consuelo á las tribulaciones que ocasiona la nostalgia de la pátria”.

Homenaje a Juan Montes en el San Roque de 1983
Homenaje a Juan Montes en el San Roque de 1983 PEINÓ

Na reunión que celebraban os directivos da Sociedade catro días despois comentábase a celebración do funeral e enterro do egrexio lucense. A comisión encargada da súa homenaxe adquirira unha coroa que se depositou sobre o féretro e que despois foi enviada á súa familia; no edificio social enloitáronse os balcóns e, ademais, construíuse unha carroza na que se conduciron os restos de Montes. Cando pasou a comitiva por diante da sede social foi posible escoitar os tristes acordes dunha orquestra lírico-dramática, entoando o coro do mestre José María Carracedo Vilanova un Libera me Domine (16); logo, a sección responsable acompañou á comitiva fúnebre en torno a un estandarte feito ao efecto, mentres que a Sociedade comprometíase a asumir os gastos producidos.

Na mesma sesión, o presidente daba conta dunha comunicación de Salvador Cabeza de León e Alfredo Brañas Menéndez, presidente e secretario respectivamente da  Liga Gallega de Santiago (17), na que lamentaban o falecemento de Montes e advertían que se consignaba en acta o pesar pola súa morte. Propoñían, ademais, levantar un monumento en Lugo a quen cualificaban de “verdadero genio de la música y del canto popular de Galicia” e a quen comparaban na arte coa mesma Rosalía de Castro. Para levar adiante esta idea, na que crían contar co apoio de todos os centros e autoridades galegas, pedían ao Círculo a súa opinión e anunciaban que a Liga Gallega se propoñía celebrar un festival na súa honra para o que contaban coa participación dos mestres, artistas e sociedades de Compostela. Naturalmente, os directivos lucenses amosarían o seu recoñecemento á Liga Gallega e aceptarían a súa proposición.

Así mesmo, o presidente do Círculo comunicaba a recepción dunha atenta carta asinada por Juana Montes, irmá do finado, coa que remitía unha batuta de Montes que este tiña en gran aprecio e que utilizaba para dirixir os actos máis solemnes (18). A Xunta Directiva aceptaba con profundo agradecemento este obsequio xunto cun estandarte do Orfeón Gallego, recordos que serían custodiados nunha vitrina construída ao efecto para a súa exposición e para que así se puidese “conservar tan grato recuerdo” (19).

Homenaxes

As primeiras homenaxes públicas ao ilustre músico non tardaron en producirse. Durante as festas locais de San Froilán do mesmo ano da morte de Juan Montes a directiva do Círculo das Artes decidiría colaborar coa comisión de festexos para organizar unha velada literario-musical o día 6 de outubro en honor do mestre, destinando os beneficios obtidos na mesma a “algo” en Lugo que perpetuase a súa memoria (20). O artista Manuel Martínez Fole comprometíase a colaborar e invitaríase ao periodista Francisco Rodríguez Besteiro para que pronunciase un discurso alusivo ao acto. Así mesmo, os poetas locais Armando Miranda y Palacios, Manuel Amor Meilán e Jesús Rodríguez López, entre outros, eran animados a presentar algún traballo poético no mencionado acto. Por outra parte, ao músico José María Carracedo Vilanova pedíaselle que reorganizase o Orfeón Gallego que tan ben dirixira o mestre Montes para que tomase parte na velada, e ao tenente coronel director da banda do rexemento Isabel la Católica que contribuíse a amenizar a función. Tamén intervirían con algunhas interpretacións as pianistas Josefina e Teresa Barcia e a señora de Torres, nomeándose como representante da Sociedade na comisión de festexos ao secretario Emilio Piriz (21). Nunha sesión posterior (22) presentaríase o saldo de gastos e ingresos da velada na que se obtivo un superávit de 752 ptas. e 25 cts., cantidade que se acordaba ingresar nunha conta da Caixa de Aforros ata darlle o emprego previsto.

Pola súa parte, a Liga Gallega de Santiago cumpriu a súa promesa de organizar no teatro desa cidade outra velada literario-musical para o 5 de novembro, á que asistiu en representación do Círculo das Artes lucense o socio de mérito Francisco Rodríguez Besteiro acompañado do secretario Emilio Piriz. Tras a mesma, a agrupación compostelá enviaría un donativo de 200 ptas. para contribuír ao monumento que se dedicase á memoria de Juan Montes en Lugo (23).

Na sesión de 15 de setembro de 1900, a Xunta Xeral do Círculo avalaría definitivamente e por unanimidade o proxecto de homenaxe a Montes que a comisión lle traspasara nunha reunión anterior (24) e, pola súa parte, a prensa local non dubidaría en compartir a idea e en transmitir a información oportuna sobre a mesma. Así, o diario El Regional no seu número de 31 de marzo de 1900 comentaba a pertinencia de erixir unha estatua que perpetuase o recordo do músico, admitindo que era unha iniciativa que correspondía ao Círculo das Artes. Os directivos da Sociedade decidiron concretar o asunto celebrando unha reunión cos directores dos catro diarios locais que existían neses momentos e que El Regional recollía no seu número de 27 de xuño de 1900. A fins do ano e do século elixiríanse aos membros da comisión encargada de levar adiante o proxecto, información que o mesmo xornal reflectía nos seus números de 18 de novembro e 21 de decembro de 1900.

Outro periódico local, La Idea Moderna, completaría o 21 de febreiro de 1901 a cuestión que trataba sobre a oportunidade de levantar unha estatua en memoria do músico, e noutro número de 2 de outubro de 1903 facía referencia á recepción do busto que coroaría o monumento, unha peza do escultor Eugenio Duque y Duque que fora fundida nos talleres Masriera de Barcelona (25). Ata a súa colocación, a escultura, que pesaba 120 quilos, gardaríase no Círculo das Artes. Finalmente, instalaríase a principios de 1904 nunha das prazas da cidade, a de San Domingos, que estaba relacionada coa vivenda ocupada polo músico, unha situación que ocuparía alternativamente un e outro extremo da praza e onde se mantería por moito tempo. 

Polo que se refire ao posto de pianista do Círculo que ocupaba Juan Montes no momento de seu falecemento, sería solicitado no mes de agosto seguinte por José Ruiz del Moral, a quen se lle concedería tras a oportuna proba de capacitación e que percibiría a mesma retribución de 2,5 ptas. diarias que recibira Juan Montes (26) ; porén, ante as repetidas queixas dos socios sobre as súas actuacións, sería despedido meses despois (27) para nomear como pianista da Sociedade a Baldomero Latorre Capón, un primo de Juan Montes a quen tamén substituiría como director da Banda municipal de Lugo algún tempo despois; aínda así, o seu posto no Círculo tampouco sería duradeiro ao dimitir nos primeiros días do mes de xaneiro seguinte (28). Polo que se ve non resultou fácil substituír a unha personalidade musical tan forte como a que representaba Juan Montes Capón.

No verán de 1908 (29) o Circulo colaboraría noutra homenaxe a Juan Montes, neste caso compartida cos periodistas e poetas lucenses Aureliano J. Pereira y Eladio F. Vila, invitados a un recital que contou tamén coa participación do Orfeón Gallego.

Bastantes anos despois (30), dábase conta da constitución da Sociedad Filarmónica Lucense á que o Circulo das Artes se prestaba a dar toda clase de facilidades e coa que no futuro mantería unha íntima e constante colaboración cedéndolle o seu salón de festas para os concertos que programaba. O primeiro deses recitais concretouse ao mes seguinte coa actuación da Orquesta Municipal de Bilbao, con tal éxito que motivaría o seu regreso na temporada 1948-49 para que a orquestra bilbaína -que dirixía o prestixioso mestre Jesús Arámbarri- participase nun concerto de homenaxe a Juan Montes no cincuentenario do seu falecemento, recital que permitiu escoitar a súa obra máis coñecida Negra Sombra ademais doutras numerosas composicións de Rossini, Schubert, Beethoven, Prokofieff e Weber (31). 

Aínda, coincidindo cos actos do 125 aniversario do Círculo das Artes, o 13 de novembro de 1980, celebraríase unha homenaxe aos músicos lucenses Juan Montes e Gustavo Freire, ambos moi relacionados coa Sociedade. Neste caso, tivo lugar un concerto no que actuaría a Banda municipal dirixida polo mestre Indalecio Fernández Groba, agrupación que tanto con este director como co anterior, Francisco Méndez, tiña realizadas gravacións de composicións do músico lucense no propio Círculo das Artes.

Polo tanto, está claro que a figura e a obra de Montes conservouse na memoria da Sociedade lucense por moito tempo e pódese asegurar que aínda perdura. Por iso, agora, non debe máis que agradarlle ter o seu busto de veciño, xa que esa proximidade rememora a que tivo o propio músico co Círculo das Artes.

REFERENCIAS BIBLIOGRÁFICAS

1 VARELA DE Vega, Juan Bautista, Juan Montes, un músico gallego. Estudio biográfico. La Coruña, Diputación provincial, 1990. Ib. LÓPEZ CALO, José, Juan Montes. El hombre, el músico, Cuadernos de Música Iberoamericana, Volumen 7, 1999.

2 Isidoro Blanco Fernández (1824-1893) era organista da catedral e un promotor musical que no xornal El Correo de Lugo publicou en 1860 unha serie de artigos sobre orfeóns musicais (vid, VARELA DE VEGA, Juan Bautista, Historia del Orfeón Lucense, pp. 13-19).

3 Actas Xunta Directiva (desde aquí AXD) ses. 02-08-62 e 08-11-1863. As actas das Xuntas Xerais e Directivas, cedidas xenerosamente pola Sociedade lucense, son as principais fontes documentais deste traballo.

4 AXD ses. 24-01-1865. A consecuencia destas discrepancias Juan Montes debeu darse de baixa como socio do Círculo xa que nunha reunión posterior era admitido de novo (JD ses. 04-09-1868).

5 AXD ses. 18-02-1874 e 08-01-1877.

6 Na cidade manifestábase un particular interese polas actividades musicais, porque aos recitais do Orfeón Lucense/Gallego uníanse os da Banda municipal e da Banda do rexemento de Luzón asentado en Lugo, e mesmo os dunha Tuna que se constituía en 1892.

7 Sobre esta agrupación vid. VARELA DE VEGA, Juan Bautista, Historia del Orfeón lucense. Ib. en Vida Gallega, nº 762-763 (1960), pp. 11-13, o artigo de SÁNCHEZ CARRO, Alfredo, Coros y rondallas lucenses.

8 AXD ses. 20-01, 31-03 e 22-10-1881.

9 AXD ses. 25-10 e 11-11-1885.

10 AXD ses. 08-01-1886.

11 El Regional de 13-10 e 20-10-1891. O sexteto musical organizado por Juan Montes permitiría a representación ante os socios das “zarzuelitas” ás que alude López Calo (LÓPEZ CALO, José, Juan Montes. El hombre, el músico, Cuadernos de Música Iberoamericana, Volume 7, 1999, p. 112).

12 AXD ses. 18-06-1890.

13 AXD ses. 23-12-1891.

14 Actas Xunta Xeral (desde aquí AXX) ses. 16-10-1895 e 30-01-1896. Comprou unha das accións da serie B (as que se adquirían por unha subscrición anual de 5 ptas.).

15 AXD. ses. 28-11-1897.

16 VARELA DE VEGA, Juan Bautista, Historia del Orfeón Lucense, p. 72.

17 A Liga Gallega foi unha asociación de carácter galeguista que se mantivo activa desde 1898 a 1900. A sentida carta de pésame enviada ao Círculo das Artes por esta agrupación con motivo da morte de Juan Montes recollíase literalmente no xornal El Regional de 30-06-1899.

18 AXX ses. 29-07-1899.

19 AXD ses. 28-06 e 26-07-1899. Ib. La Idea Moderna de 01-08-1899. Nun arqueo de existencias posterior daríase conta da existencia desa batuta de Montes que fora regalada polo orfeón vigués La Oliva ao músico en 1891 (AJD ses. 16-01 y 02-02-1940).

20 AXD ses. 19-09-1899. El Correo de Lugo, 16-09, 20-09 e 06-10--1899. Ib. Galicia: revista semanal ilustrada de 26-04-1903

21 VARELA DE VEGA, Juan Bautista, Historia del Orfeón Lucense, p. 73.

22 AXD ses. 11-10-1899. O periódico El Regional de 5 de outubro de 1899 ofrecía todo o programa da velada. Outras referencias á homenaxe nun artigo de Antón Grande en La Voz de Galicia de 26-08-2018, no que se alude a outro de Adolfo de Abel Vilela de 31-07-2011.

23 AXD ses. de 04-11 e 04-12-1899. O médico e publicista lucense Jesús Rodríguez López propoñía diversas localizacións para situar o monumento pouco despois (El Regional, 27-01-1900).

24 AXD ses. 30-06-1900. A comisión constituírase un ano antes o 24-06-1899. Parece que, co fin de recadar os maiores fondos posibles, abríronse boletíns de subscrición para particulares que quixesen contribuír ao monumento ofrecido ao músico (vid. http://www.solovoces.com/es/juan-montes).

25 Información complementaria en http://www.solovoces.com/es/juan-montes, en que se describe minuciosamente o monumento seguindo unha información de El Correo Gallego de maio de 1903.

26 AXD ses. 18-08 e 30-08-1899.

27 AXD ses. 28-07-1900.

28 AXD ses. 31-12-1900 e 05-01-1901.

29 AXD ses. 15-07 e 20-08-1908. Ib. El Regional de 29-07 e 31-07-1908.

30 AXD ses. 22-04-1947.

31 AXD ses. 03-05-1947 e 28-06-1949. Nos actos de homenaxe ao músico celebrados o 2 de xullo de 1949 o Círculo estivo representado polo seu vicesecretario Justo Fernández-Reija Paz.