Traxandaina, Premio Artesanía de Galicia 2020

L.G.C. LUGO / LA VOZ

LUGO

Tareixa Astorgano, no centro da imaxe, foi recoñecida xunto a Antón Sanjurjo
Tareixa Astorgano, no centro da imaxe, foi recoñecida xunto a Antón Sanjurjo CEDIDA

O xurado recoñeceu o seu bo facer nunha capa inspirada nas lensas tradicionais

29 dic 2020 . Actualizado a las 18:29 h.

O obradoiro Traxandaina vén de recibir o Premio Artesanía de Galicia por unha capa bautizada como «Tesouro aldeán». O galardón, dotado con 9.000 euros, recoñeceu o bo facer do obradoiro de Antón Sanjurjo e Teresa Astorgano. O vicepresidente e conselleiro de Economía, Francisco Conde, foi o encargado de presidir o acto de entrega de premios. 

O Premio Artesanía de Galicia 2020, recoñece unha obra que representa as liñas desexadas para unha artesanía competitiva, como son o deseño, a adaptación ou a conservación das técnicas e valores tradicionais, a incorporación ás tendencias actuais, a innovación, a boa presentación e a calidade da obra. O xurado por unanimidade destacou o valor de «Tesouro aldeán» como unha peza contemporánea cunha manufactura tradicional e unha manifestación contundente do oficio.

Antón Sanjurjo e Teresa Astorgano son os responsables de Traxandaina Traxe Tradicional, un obradoiro artesán dedicado á localización, ao estudo e á reprodución do traxe aldeán de garda ?da roupa de homes e mulleres que lucían os domingos ou nas feiras ata comezos do século XX? principalmente da provincia de Lugo. O obradoiro naceu co obxectivo de se converter nun referente na conservación da cultura tradicional e do xeito de vestir das zonas do rural e da montaña de Lugo.

A peza gañadora do Artesanía de Galicia é unha capa contemporánea inspirada nas mantelas ou lensas recollidas na provincia de Lugo, en concreto nunha lensa antiga atopada en Portomarín. O obxectivo é amosar as posibilidades cualitativas e estéticas de determinadas técnicas tradicionais de costura e de decoración aplicadas á vestimenta moderna, mediante a confección dunha prenda de abrigo acorde ás tendencias actuais.