As rúas que acollen a Castelao e Simón Bolívar

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

A estatua do escritor foi a última en sumarse a unha lista na que están dende Rosalía a Krahe

11 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Dende hai pouco máis dunha semana, basta dar un paseo pola Rúa da Raíña para decatarse de que a súa paisaxe urbana mudou. Fronte ao hotel Méndez Núñez, coa man dereita erguida, suxeitando papeis na esquerda e coas súas recoñecibles lentes, unha estatua de bronce lembra a quen foi un dos máximos expoñentes da cultura galega, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao. A obra, encargada polo Concello de Lugo á escultora Cuqui Piñeiro, pretendía cubrir unha débeda histórica da cidade co pensador, incorporándoo así a un panteón de ilustres e variados persoeiros convertidos en mármore ou bronce en rúas e prazas. Dende Pimentel a Concepción Arenal pasando por Simón Bolívar ou Krahe. Todos teñen cabida na cidade amurallada.

Rosalía, máximo símbolo do Rexurdimento, ocupa un lugar de honra no parque que leva o seu nome. Na entrada, sobre un pedestal de pedra, está o busto tallado da escritora. Un traballo de cantería inaugurado no 1971 e que, a dicir verdade, só se parece lixeiramente á imaxe que se conserva na memoria colectiva. Máis parecidos garda o seu relevo en mármore no paseo dos escritores, onde tamén se recolle un estrato dunha das súas obras.

Foi no ano 1968 cando na Praza da Constitución o Colegio de Abogados de Lugo quixo conmemorar o 75 aniversario do pasamento da ilustre Concepción Arenal. Fíxoo financiando un busto, hoxe curiosamente amarillento, que dende entón, á sombra de dous plataneiros, observa a cidade dende un dos laterais do xardín. No seu pedestal, un libro e unha pluma contextualizan a figura da avogada, pensadora e poeta. Unha peza escultórica que non estivo exenta de polémica, posto que no pasado sufriu algunha «caída», que nunca chegou a resolverse de todo.

Os persoeiros que honran as rúas e prazas de Lugo. A escultura de Castelao na Rúa da Raíña
Os persoeiros que honran as rúas e prazas de Lugo. A escultura de Castelao na Rúa da Raíña ALBERTO LÓPEZ

A un par de centos de metros, e logo de pasar por diante da escultura que lembra aos míticos Pelúdez, atópase a que probablemente é a estatua máis fotografada e recoñecida de Lugo, a de Ánxel Fole. Situada tralo Concello, nunha especie de cruce de camiños entre a Praza Maior e Campo Castelo, quilos de bronce fundido dan vida a un Fole robusto e recio que, din os que o coñeceron, pouco tiña que ver coa figura do autor, un home máis ben miúdo e que concentraba toda a súa forza nas letras. Dende o ano 2000, cando se inaugurou a obra de Ramón Conde, raro é o día no que Fole non pasa polo diafragma dunha cámara ou o obxectivo dun móbil. A súa figura ten vestido o morado da loita contra a violencia de xénero e ten lucido mandís e mascarillas, quizais unha mostra de que é a escultura máis viva e sentida polos lucenses.

Un lugar de honra

Hai apenas uns meses que o busto do compositor de Negra Sombra, Xoán Montes, reside na Praza Maior. Foi no 1999, cando se cumpría medio século do seu pasamento, cando se inaugurou a estatua que honra a súa figura. Foi o Centro Lucense de Buenos Aires a que financiou o traballo en bronce, que agora lembra ao músico nun lugar no que en vida pasou moito tempo. Preto do templete da Praza e do Círculo das Artes.

No fondo da praza, xusto fronte ás vivendas nas que naceu e viviu, que limitan a escalinata que dá acceso a Santa María, atópase a escultura en homenaxe a Luís Pimentel. Un lucense que compaxinou a medicina e a poesía, e ao que o «pobo de Lugo» quixo lembrar no 1990 coa instalación dun monumento en pedra e bronce obra de Francisco Otero Besteiro que xoga coas siluetas e os ocos. «Sei que non estou no xardín, a rentes da casa, esluída no aire escuro», reza a obra lembrando un dos seus poemas.

Os persoeiros que honran as rúas e prazas de Lugo. O busto de Rosalía de Castro
Os persoeiros que honran as rúas e prazas de Lugo. O busto de Rosalía de Castro ALBERTO LÓPEZ

Mestres e médicos

Pero nas rúas de Lugo non só teñen espazo os literatos. Na rúa do Progreso, unha escultura lembra ao xornalista e editor Puro Cora, e na propia Praza Maior hai unha escultura que tenta recoller o legado romano da cidade, o monumento aos fundadores Paulo Fabio Máximo e César Augusto.

Na Horta do Seminario, a carón do lugar no que encheu de música o corazón e a cabeza de centos de alumnos, atópase o busto de José Castiñeira, músico e sacerdote nado en Outeiro de Rei no ano 1928 fundador, entre outros moitos, do Orfeón Lucense.

Unha pequena lenda que remata coa frase «xustiza sempre» serve para dar contexto ao pequeno busto encaramado nun pedestal de pedra na honra de Rafael de Vega. A escultura, situada na rúa que leva o seu nome, lembra a figura do doutor, asasinado no 1936 e ao que o pobo de Lugo honra dende o 2006.

Tamén o sacerdote José Varela España ou o cura Antonio Gandoy teñen o seu recuncho na cidade, que a contagotas, pero sen parar, vai sumando máis ilustres ás súas rúas.

Tampouco falta na nómina de persoeiros honrados nas rúas de Lugo a cota musical e actual. O ano pasado inaugurouse a estatua de Javier Krahe, esculpida en granito por Juan Lomarti. Unha obra financiada polo Concello e a Deputación e que se sitúa en Paxariños.

Os persoeiros que honran as rúas e prazas de Lugo. O busto de Concepción Arenal na Praza da Constitución
Os persoeiros que honran as rúas e prazas de Lugo. O busto de Concepción Arenal na Praza da Constitución ALBERTO LÓPEZ

A estatua de Simón Bolívar

Pero, nun Lugo que honra a literatos, penalistas e sacerdotes, tamén hai sitio para os libertadores. Concretamente, para Simón Bolívar. Nos xardíns que levan o nome do venezolano, a carón da Fonte dos Ranchos, un pedestal soporta o busto do militar e político dende o ano 1981. A historia trala escultura ten miga. Foi un emigrante lucense que trunfou no país venezolano, José Guerrero, o que impulsou o busto de Bolívar na capital lucense. Unha escultura que mesmo foi inaugurada polo entón presidente venezolano Rafael Caldera.

Da mármore de Pedrayo á arte abstracta de López Mella

Non hai nada máis subxectivo ca a arte. Quizais por iso nas rúas lucenses conviven estatuas e esculturas que botan man da representación máis clásica e de materiais pétreos, con outras máis vangardistas e que exploran a creatividade máis aló do habitual. As facianas do paseo dos escritores que atravesa Bispo Aguirre e o carril dos Franciscanos, xunto á Praza Maior, estarían nun extremo dese camiño artístico, mentres o monumento que recorda ao deportista López Mella no parque da Milagrosa ocuparía o extremo contrario.

Afondar nas letras galegas é sinxelo ao camiñar por Bispo Aguirre ou a Praza Maior. No ano 2005 o Concello de Lugo, co gallo das Letras Galegas, decidiu colocar unha serie de monólitos que lembraban a autores insignes da cultura galega. Bloques de granito nos que están gravados pequenos textos de cada autor xunto a un relevo da súa faciana en mármore. Alí conviven en harmonía Manuel María, Castelao, Rosalía, Eduardo Pondal, Ramón Otero Pedrayo, Uxío Novoneyra, Álvaro Cunqueiro e Manuel Curros Enríquez.

Os persoeiros que honran as rúas e prazas de Lugo. O busto de Ánxel Fole
Os persoeiros que honran as rúas e prazas de Lugo. O busto de Ánxel Fole ALBERTO LÓPEZ

Un xeito máis ou menos clásico de honrar a cultura que pouco ten que ver co que o artista Paco Pestana deseñou no ano 1995 para lembrar ao piloto de motos López Mella. Esta obra, impulsada polos veciños da Milagrosa, é un xogo abstracto que dista das representacións tradicionais. Pero é que no mundo da arte, case todo está permitido.

 Coidado en entredito

Pero, máis alá dos materiais e as formas, hai unha cuestión que sobrevoa cada certo tempo sobre as esculturas e estatuas sementadas pola cidade: o seu mantemento e coidado. Máis alá de casos puntuais como a caída do busto de Concepción Arenal do seu pedestal na Praza da Constitución, colectivos e formacións políticas teñen demandado que se mimen máis as obras e se poñan en valor todo o posible. Á fin e ao cabo, son unha porta aberta nas rúas a historias e vidas senlleiras.