Ana Santiso:  «Traballo dende Os Ancares e teño murais por media Galicia»

María Guntín
María Guntín BECERREÁ / LA VOZ

LUGO

Ana Santiso naceu en Touro, viviu en Sober e dende hai dous anos reside en Vilar de Cancelada
Ana Santiso naceu en Touro, viviu en Sober e dende hai dous anos reside en Vilar de Cancelada Óscar Cela

Hai uns días publicouse unha edición de 'Alba de groria', de Castelao, con imaxes desta artista

13 dic 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Ana Santiso (Touro, 1981) agarda na porta da súa casa con Ulla en brazos. É nai dende hai tres meses e vive en Vilar de Cancelada, unha aldea que está a 12 kilómetros de Becerreá e que mira de fronte ás montañas que conforman a paisaxe dos Ancares. Ela é natural, como a vida mesma. Fala con agarimo do seu traballo e con moita honra pode dicir que «mellor ou peor» leva vivindo das súas ilustracións e dos seus murais dende pouco despois de rematar Belas Artes, carreira que estudou en Pontevedra, e de se converteren en Técnico Superior en Ilustración na Escola Massana de Barcelona. Ana conta tamén como a súa nena chegou para amosarlle que o instinto é algo innato. Agora está de baixa, pero o mes que ven xa ten varios traballos encargados. Hai apenas 15 días Galaxia publicou ‘Alba de groria’ de Castelao, unha edición moi especial ilustrada por Ana, que recrea as personaxes dos que fala o escritor no seu derradeiro discurso, que deu en Bos Aires no ano 1948.

—Que hai detrás das ilustracións de ‘Alba de groria’?

—Moitos meses de traballo. O encargo fixéronmo no ano 2012 e as ilustracións están feitas con plumilla e tinta china.

—É outro exemplo de que é posible traballar dende Os Ancares.

—Si, eu traballo dende a casa e fago murais por aí adiante. Levo moito tempo vivindo no rural porque antes de estar aquí, nos Ancares, estaba en Sober. Non sei se cambiaría moito a comodidade ao residir nunha cidade, pero aquí, lévoo ben. O que teño claro, por exemplo, é que non cambiaría a miña vida nesta aldea pola que tiña cando residía en Barcelona.

—Basta con ter un espazo?

—Si, sempre tiven un espazo para min, e con iso chégame. Eu tiven claro que me quería dedicar a isto dende que estaba rematando a carreira.

—Fáleme da súa traxectoria.

—Estiven varios anos ilustrando para editoriais e sobre o 2017 comecei facer murais máis a miúdo. Fun compaxinando as dúas cousas, aínda que tiro máis rendibilidade ca segunda.

—Fai murais en zonas rurais.

—Teño murais en Touro, Sober, Ferreira de Pantón, Castroverde, Vigo, Santiago... Supoño que por vivir eu no rural me saíron máis cousas neste tipo de zonas. O ano pasado fixen case dez murais, dende moi pequenos ata moi grandes. Un de boas dimensións pode levar ata oito días de traballo intenso.

—Ter unha nena nos Ancares é motivo de festa.

—Vinme hai dous anos vivir aquí e a verdade, nesta aldea aínda hai pequenos. Aquí vivimos sobre 18 persoas e aínda que hai algunhas casas baleiras, é moi bo sitio para asentar. É moi soleado.

—Precisa de inspiración?

—Eu funciono sempre como ilustradora e segundo o sitio que estea xunto co momento no que me atope intento plasmar algún concepto en concreto. Estiven bastante intensa co tema dos petróglifos, por poñer un exemplo, pero tamén me gustan as paisaxes.

—Fixo o cartel para a feira do 12 de Becerreá.

—Era un ‘boceto’ para un mural que está en Cee e vai sobre as mulleres que cruzaban O Pindo cas cestas na cabeza. Esa ilustración fíxena a partir dunha foto de Ruth Matilda Anderson que reflectiu moi ben o traballo das mulleres no rural. O cartel é feito a man con lapis de cores.

Conciliación e arte son amigos?

—Na casa somos dous e iso é posible porque somos un equipo. Aquí non hai un día igual ca outro, e menos dende que tivemos a Ulla. Compaxino traballo de oficina co artístico. No caso dos murais, todo é máis intensivo. Téñome que desprazar e dedicarme en exclusiva da mañá á noite.

—Ten moitas facetas.

—Pois si, teño un cómic a medio facer que rematarei e tamén din clase de ilustración nunha escola de arte de Santiago.