Leccións baixo as pedras

María L. Sández

LUGO

02 dic 2020 . Actualizado a las 00:00 h.

Lugo agocha un tesouro arqueolóxico nas súas entrañas e por iso, de cando en vez, ao remexermos unha laxe, albiscamos unha migalla do seu pasado. Entre ese tesouro arqueolóxico que aos poucos foi revelando a cidade atópanse dúas figuras da deusa Isis e o deus Amon, ambas as dúas de orixe exipcia, aparecidas hai anos nun estanque ritual ao carón de San Roque, que veñen sumarse a outros achados de orixe persa, e que encerran unha das máis interesantes leccións do legado romano.

Malia constituíren un enorme imperio e espallarse polo vello continente a través da colonización, os romanos, alí onde chegaban, asimilaban os deuses dos pobos conquistados, conservábanos e integrábanos nos seus templos, onde se deixaba un espazo para a «estatua ao deus descoñecido», é dicir, aquel ou aquela co que aínda non entraran en contacto. O choque cultural co cristianismo derivou, xustamente, de que a actitude monoteísta non propuña un deus que puidese ser integrado, senón unha concepción do mundo que excluía a posibilidade da existencia doutros diferentes.

Á marxe das crenzas de cada quen, o comportamento romano, observado con neutralidade, é dunha enorme beleza e constitúe unha potente expresión da actitude non dogmática, autenticamente inclusiva e multicultural. Nestes tempos de globalización e de perda acelerada da diversidade, tanto biolóxica como cultural, as estatuas de Isis e Amon, aparentemente mudas, falan na linguaxe abraiante da arqueoloxía para nos ofrecer, desde un tempo pasado, a idea de que outra actitude é posible. A posmodernidade estableceu identidades líquidas e derrubou as verdades absolutas; mais tamén impuxo unha paradóxica intransixencia nos discursos, unha radicalidade amplificada a través das redes e unha polarización dos posicionamentos políticos ou ideolóxicos de toda. No templo persoal das nosas ideas, non está de máis conservar un espazo sagrado para a «idea descoñecida». É a condición necesaria para non caermos no dogmatismo e para mantermos a mente aberta á aprendizaxe e aos desafíos.