Unha historia do Incio de Carlos García Martínez

O Museo do Pobo Galego edita un volume do que foi o seu director e onde se recolle un texto inédito sobre o concello lucense

Homenaxe no 2018 a Carlos García Martínez no Museo do Pobo Galego
Homenaxe no 2018 a Carlos García Martínez no Museo do Pobo Galego

lugo

O Museo do Pobo Galego ven de publicar nun volume de máis de mil páxinas a Obra Completa do que foi o seu secretario e director Carlos García Martínez falecido o 17 de marzo de 2018. Prehistoriador, etnógrafo e museólogo por vocación, non por formación académica xa que era licenciado en Dereito, polo ano 1966 arrimouse a outros rapaces da Facultade de Filosofía e Letras que estudaban para ser arqueólogos entrando con eles en contacto en 1967 con Fermín Bouza Brey que dirixía a sección de Prospeccións Prehistóricas, Arqueolóxicas e Etnográficas do Instituto de Estudios Gallegos Padre Sarmiento, onde chegou a exercer como bibliotecario con Antonio Fraguas. Nesta época traba amizade cos lucenses Xosé Manuel González Reboredo, co que participará en varias prospeccións e asinara traballos, e Felipe Arias Vilas.

Como na vida todo se aprende, especialmente cando se ten curiosidade por saber e coñecer sobre cuestións polo que se sinte predilección, a obra que agora se presenta recolle os seus escritos neste volume que se divide en cinco seccións. Na primeira, Arqueoloxía e Prehistoria, reproduce os traballos sobre megalitismo e arte rupestre publicados entre 1968 e 1991.

O segundo apartado é o de Etnografía, que aínda que é o máis reducido, sen embargo o seu coñecemento quedou recollido no discurso e a montaxe dalgunhas das salas do Museo do Pobo. A terceira sección do libro está dedicada as Biografías de numerosos persoeiros galegos. Na cuarta sección, De varia lección, reprodúcense escritos sobre diversos temas, limiares de libros e voces que redactou para a Gran Enciclopedia Gallega. Na quinta e última, Miscelánea, están os artigos de divulgación aparecidos en revistas e na prensa local.

A modo de colofón publicase a Crónica inacabada dunha terra, título dado por Justo Beramendi González a un texto inédito que deixou sen acabar que pretendía ser unha monografía sobre as terras de O Incio, onde deu os primeiros pasos como investigador da prehistoria, que comezou a escribir no ano 2010 e que pola súa extensión, 130 páxinas, xa merecería a cualificación de libro.

Estruturase o contido en dez capítulos e o apartado de Bibliografía. Comeza cunha lembranza sobre a súa entrada no Padre Sarmiento da man de Bouza Brey interesado en recuperar o modelo de acción que López Cuevillas establecera no Seminario de Estudos Galegos e que pretendían continuar a catalogación, prospección e escavacións do patrimonio arqueolóxico de comarcas que nos anos 20 iniciara a institución.

As mámoas e os castros de O Incio xa foran catalogados nese momento por Antonio Fraguas e María Pura Lorenzana, e no verán de 1968 continuaron o traballo un equipo formado por Fernando Acuña Castroviejo, Xosé Manuel González Reboredo, Carlos García Martínez, Xosé Carro Otero e o colaborador Pedro Luaces González Rosón, así como varios alumnos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais e dous estudantes lucenses.

Pero no escrito non só se fala da prehistoria senón tamén dos pazos, da paisaxe que fai coa súa prosa Ánxel Fole en Terra Brava ou Marica Campo coa súa poesía. A capitalidade municipal, coas súas tascas e cafés, a nova igrexa e o seu carismático párroco Ánxel González.

A historia, a xeografía, as tradicións, a poboación, a industria artesanal, os pazos e as casas da fidalguía, teñen un lugar nestas páxinas que agora saen a luz e que ben merecía a pena que fosen publicadas polo Concello como libro debidamente ilustrado, pois aínda que sexa unha historia inacabada, como a son todas, pódese dicir que toca todos os aspectos que debe contemplar unha historia local, e que pode servir de base para outros estudosos que a queiran completar.

 

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
0 votos
Comentarios

Unha historia do Incio de Carlos García Martínez