«Amar a mar»: Unha ollada á arte e á historia da Mariña desde o amor

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

O Museo do Mar de San Cibrao pon rumbo a Lugo coa mostra «Amar a mar», que abrirá as portas o xoves e mostrará os segredos da carpintería de ribeira, embarcacións, ósos de balea... pezas algunhas delas inéditas
O Museo do Mar de San Cibrao pon rumbo a Lugo coa mostra «Amar a mar», que abrirá as portas o xoves e mostrará os segredos da carpintería de ribeira, embarcacións, ósos de balea... pezas algunhas delas inéditas OSCAR CELA

Visibilizar as mulleres do mar, presentar pezas inéditas e un retrato sensorial da comarca ou dar voz aos traballadores son piares deste «ronsel de futuro» que se desenvolverá ata marzo, impulsado pola Rede Museística Provincial

21 nov 2020 . Actualizado a las 21:28 h.

Visibilizar as mulleres do mar, dar a coñecer pezas inéditas, ofrecer un retrato sensorial da Mariña ou ser eco do berro dos traballadores de Alcoa son algúns dos obxectivos que pretende o gran proxecto «Amar a mar», posto en marcha pola Rede Museística Provincial. Parte da celebración do 50 aniversario do Museo Provincial do Mar de San Cibrao, o máis antigo de Galicia no seu xénero, pero vai moito máis aló dunha conmemoración: é «un proxecto que xera proceso», un «ronsel de futuro», en palabras da xerente da Rede, Encarna Lago. E todo iso, desde o amor, concibindo o museo como un espazo socioafectivo, necesario especialmente nestes tempos de distancias.

Un proxecto integral e integrador non se presenta dunha soa vez, de aí que á primeira entrega lle sigan outras catro de aquí a marzo. Esta semana inauguráronse tres exposicións no Museo Provincial; a primeira, «Mariñas, marosas e maruxainas», é unha homenaxe ás mulleres da Mariña e do mar, «eliminadas da historia», e «non podemos esquecer a ninguén nin deixar a ninguén fóra», afirma Lago.

A mostra «Mariñas, marosas e maruxainas», no Refectorio, inclúe 16 retratos femininos, un por cada concello da comarca, e textos. Xira arredor dunha composición con caixas de peixe da lonxa de Burela e unha figura da maruxaina, cedida pola Asociación de Amigos da Maruxaina (San Cibrao), e paneis informativos de Herminia Pernas e Chema Leal que documentan a participación das mulleres da Mariña en actividades marítimas nos séculos XIX e XX
A mostra «Mariñas, marosas e maruxainas», no Refectorio, inclúe 16 retratos femininos, un por cada concello da comarca, e textos. Xira arredor dunha composición con caixas de peixe da lonxa de Burela e unha figura da maruxaina, cedida pola Asociación de Amigos da Maruxaina (San Cibrao), e paneis informativos de Herminia Pernas e Chema Leal que documentan a participación das mulleres da Mariña en actividades marítimas nos séculos XIX e XX OSCAR CELA

Por iso tomaron a licenza poética de poñer o mar en feminino e relacionalo co concepto do amor: «AMA. MMM. é froito dun traballo coral, que conta coa implicación de moitas persoas, coma Xurxo Souto. Con el buscamos un nome que identificara dun xeito nidio e potente a forza dun proxecto cun sentimento de tanta raigame. Esta exposición trata delas, das mulleres da Mariña, cunha atención especial ás mulleres do mar, habitualmente eliminadas do relato. Pero o mar tamén é delas, e por elas ata o mar cambiou de xénero. Simbolicamente cambiámoslle o artigo ao mar, para reivindicar o noso recoñecemento a todas esas historias non contadas, as anónimas, representadas todas elas coma MMM, nomes femininos perfectamente recoñecibles para calquera persoa da comarca. E por suposto que a amamos, porque é un proxecto feito desde o corazón e o sentir dunha comunidade». Nesta mostra, cada un dos concellos da Mariña aparece representado polo rostro e as mans dunha muller, inmortalizadas por Germán Limeres, Xosé Reigosa, Nachok, Lucía Sánchez e Alicia Puchades. Elas son Dora Tallón Maseda, Tarsilla Veiga Vega, María Jesús Alonso López, Aurora García Fraga, Inés Fraga Naray (Sita), Alicia Reigosa Lorigados, Alicia Tella-Villamarín, Bárbara Gil García, María Juana González Díaz (Juanita), María del Carmen del Río Martínez, Hortensia García Freijo, Carmen Murias Bermúdez, Piedad Seijas Cao, Leonor Casas Lamela, Ana López Galdo e Josefa Meitín Míguez.

Óscar Cela

Esta semana tamén se inaugurou no Museo a mostra fotográfica Derivas, de Ignacio Castro, Nachok, e Medio Mariño, sobre a biodiversidade mariña. A próxima cita será o xoves, cando o Museo do Mar poña rumbo a terra para mostrar en Lugo os segredos do mar, desde a carpintería de ribeira ata ósos de balea. «A Mariña sálvase loitando» é o quinto piar deste proxecto, a partir do día 30, que pretende facerse eco do berro dos traballadores de Alcoa e que conta coa participación dos alumnos do IES San Rosendo de Mondoñedo, a partir dun obradoiro de Gabriel Tizón.

OSCAR CELA

O proxecto é froito dun traballo en comunidade no que, ademais de estar implicados os catro museos da Rede, tamén o están os concellos da Mariña, e o tecido asociativo e educativo, aportando unha ollada sobre a Mariña cunha especial homenaxe á súas mulleres.

OSCAR CELA

Visitas presenciais e inmersivas

As exposicións poden visitarse no Museo Provincial anotándose previamente no 982 242 112 ou en concertampl@gmail.com. Pero tamén está dispoñible a visita inmersiva virtual a través da nova plataforma multicanle www.comunidadermpl.es, que ofrece actividades para todos os públicos. Esta experiencia inmersiva logra unha calidade tal que permite mesmo ler os textos, e facer visitas virtuais guiadas.