Atopan nos Ancares o dolmen situado a maior altitude de Galicia

O Colectivo Patrimonio dos Ancares informou á Xunta dunha mámoa na Campa do Cimbro, en Cervantes, a 1.655 metros

Restoa do dolmen atopado nas cumbres dos Ancares
Restoa do dolmen atopado nas cumbres dos Ancares

lugo / la voz

O membros do Colectivo Patrimonio dos Ancares acaban de documentar a mámoa con dolmen (cámara funeraria de pedra) situada a maior altitude de Galicia. Foi na Campa do Cimbro, a 1.655 metros de altitude, non moi lonxe do Pico dos Tres Bispos (1.794 metros), lindeiro entre Cervantes e O Bierzo. «Trátase dun túmulo de terra duns 16 metros de diámetro de cuxo cráter de violación asoman cinco esteos de pedra que forman unha cámara tirando a poligonal de 1 por 1,5 metros. Non atopamos restos da tampa cobertoira que foi partida, posiblemente, cando foi violada para buscar inexistentes tesouros. Sobre o túmulo vense pequenas pedras de cuarzo e cuarcita que formaban parte da coiraza pétrea que o recubría», explica o historiador e membro do colectivo Xabier Moure.

Ata o presente, sinala Moure, a mámoa con dolmen a maior altitude de Galicia era a do Marco Cavado, a 1.640 metros de altitude, situada entre os concellos ourensáns de Chandrexa de Queixa e Manzaneda. A mámoa, sen dolmen, situada a maior altitude, continúa a ser a do Alto das Malladas, a 1.745 metros, no concello de Chandrexa de Queixa.

Outra mámoa, en Quindous

Por outra parte, na parroquia de Quindous, tamén en Cervantes, no sitio coñecido como O Carballal, case no límite coas parroquias de Santa María do Castro e San Pedro de Cervantes, a 1.110 metros de altitude, documentaron outra mámoa «duns 19 metros de diámetro e 1,70 de altura en cuxo centro hai un cráter de violación duns dous metros de diámetro do que asoman varias pedras que foron partidas que correspondían á cámara funeraria (dolmen). Sobre todo o túmulo obsérvase unha potente coiraza pétrea formada por multitude de pedras que o recubrían. Un antigo camiño cortou parcialmente o túmulo. Non moi lonxe atópase a necrópole da Pena dos Mouros, formada por cinco mámoas».

No ano 2015, os membros do colectivo ancarino tamén documentamos os petroglifos situados a maior altitude de Galicia, tamén en Cervantes. Foi no Pico do Mustallar, a 1.800 metros de altitude, e que xa foron catalogados por Patrimonio da Xunta de Galicia.

Os recentes achados xa foron comunicados a Patrimonio para que procedan á súa catalogación.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
12 votos
Comentarios

Atopan nos Ancares o dolmen situado a maior altitude de Galicia