Lugo entra no mapa do cinema europeo grazas a Codex

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Proxección nos Codex Cinema coas novas restriccións pola covid-19
Proxección nos Codex Cinema coas novas restriccións pola covid-19 OSCAR CELA

Acaba de entrar en Europa Cinema, unha rede que promove a Unión Europea e na que hai 1.200 salas de 700 cidades do continente

12 nov 2020 . Actualizado a las 20:47 h.

A rede Europa Cinemas acaba de recoñecer á sala lucense Códex Cinema como parte da súa rede internacional de cinemas. Creado en 1992 co financiamento do programa Media da Union Europea, inclúe salas de cine de 43 países, máis de setecentas cidades e preto de mil duascentas salas. Trátase dunha rede dedicada á difusión do cinema europeo e a promoción do mesmo entre as novas xeracións e que esixe como requisito ter unha rogramación onde os filmes continentais non españois supoñan unha porcentaxe superior ao 35 %, «baremo que Codex Cinema cumpriu con creces», sinalan desde a empresa lucense.

Desta forma, Codex Cinema se converte na segunda sala de Galicia en obter esta distinción tras o Cinema Numax de Compostela. Faino grazas a unha candidatura conxunta con Duplex Cinema, a nova sala de Ferrol, que ao igual que Codex rehabilitou uns cines pechados para darlles unha nova vida mostrando cinema europeo, independente e en versión orixinal.

«Apostas diferentes que veñen a renovar a exhibición cinematográfica nun tempo de crise para as salas tradicionais. Somos uns cinemas que apostan pola calidade antes que pola cantidade, por unha programación feita con tacto e atenta aos problemas reais dos espectadores e non tanto como simple oferta de ocio pasaxeiro», sinalan desde Códex.

Esta distinción chégalle á salas Codex Cinema cando está a piques de cumprir o seu segundo aniversario. En tan só dous anos de existencia, a sala lucense conseguiu entrar nunha rede da que só forman parte outros 61 establecementos en toda España. «Así, Lugo aparece no mapa do cinema europeo por primeira vez desde a existencia do programa, e faino grazas a unha programación de calidade centrada no cinema europeo, de autor, con sensibilidade ao cinema feito por mulleres e atento aos grandes problemas da sociedade actual, como a violencia de xénero, o drama da inmigración, o éxodo rural, a marxinación da xuventude ou a desafección política».

Os responsables de Codex Cinema sinalan que é un orgullo representar á cidade de Lugo no programa Europa Cinemas «e poder seguir traballando na normalización e visibilidade do cinema galego e europeo».