José Tomé: «Non hai unha provincia que teña a variedade para o turista como Lugo»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, xunto aos bancais dos viñedos da Ribeira Sacra
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, xunto aos bancais dos viñedos da Ribeira Sacra

O presidente da Deputación de Lugo valora a inclusión da Ribeira Sacra na Ruta Transrománica e o proxecto de orzamentos do Estado para a provincia

02 nov 2020 . Actualizado a las 11:57 h.

A provincia de Lugo está de parabéns tras coñecerse esta semana que a Ribeira Sacra xa forma parte da Ruta Transrománica Europea, unha rede patrimonial integrada nos itinerarios culturais do Consello de Europa. En España só había outros dous espazos con este selo turístico, o casco histórico de Zamora e o mosteiro de Santo Domingo de Silos (Burgos). O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé, foi o impulsor de presentar a candidatura lucense a esta ruta do románico en Europa.

-Por que decidiron dálo paso de optar a esta ruta?

-Hai un ano, nunhas xornadas que promovía a Fundación Juana de Vega sobre o Camiño de Inverno, no Parador de Monforte, anunciei que o iamos intentar. O equipo que lidera a deputada Pilar García Porto fixo un bo traballo e o expediente foi valorado por unanimidade polo comité científico. É importante para conseguir que a Ribeira Sacra sexa Patrimonio da Humanidade. Non hai que esquecer que foi a Deputación a que liderou o inicio deste proceso, con Besteiro de presidente, e logo se sumou a de Ourense, a Xunta e agora é o Goberno central quen o presenta ante a Unesco.

-Que supón estar dentro desta Ruta Transrománica?

-Intégrana rutas de doce rexións de nove países europeos, co que gañaremos proxección internacional. A Ribeira Sacra ten a segunda maior concentración de románico do mundo e agora estamos nun itinerario cultural no que só hai outros dous en España. Creo que nos dá un impulso como destino turístico de calidade.

-Supoño que haberá que facer agora unha promoción da ruta?

-Si, a temos que incluír en todos os documentos turísticos que elaboramos e facer unha promoción intensa. Na candidatura tiñamos un límite de monumentos para presentar e optamos por coller dez igrexas representativas doutros tantos concellos, e desa maneira intentamos integrar a todos. Agora, co tempo, xa poderemos ir metendo máis igrexas románicas, non só da Ribeira Sacra, senón de toda a provincia.

-E curioso que aínda hai moita xente en España que descoñece a Ribeira Sacra?

-E que en termos de promoción é moi recente con respecto a outros destinos turísticos, como por exemplo na nosa mesma provincia, A Mariña. Pero creo que agora comeza a estar de moda, e este verán, a pesar do covid-19, veu moita xente a visitar a Ribeira Sacra e Monforte. Nos buscadores da Xunta é o segundo destino más visitado tras Santiago. E incluso en setembro tivemos ata seis mil persoas no catamarán de Ponte do Sil.

-Falaba esta semana de turismo de calidade para a provincia.

-E que nós non podemos competir co Levante, polo que temos que basearnos en valores que nos fan únicos grazas á paisaxe, ao patrimonio, á gastronomía... Somos a única provincia que dispoñemos dunha variedade turística que permite aos turistas poder crear o seu itinerario. Contamos con 100 quilómetros de costa, dispoñemos dunha Terra Chá, temos unha capital cun pasado romano visible, contamos coas montañas dos Ancares e do Courel, e finalmente ofrecemos a Ribeira Sacra e o val de Lemos.

«Temos que apostar pola calidade, agora hai xente que paga por experiencias»

O presidente da Deputación, o socialista José Tomé, destaca que o turismo da provincia ten que ir na procura da calidade e da desestacionalización. Por este motivo, que a Ribeira Sacra forme parte da Ruta Transrománica Europea considera que axudará precisamente a captar a atención de turistas que aporten valor ao territorio e á economía máis local e que xera emprego no rural.

-E que agora hai xente que pagar por ter un turismo experiencial, por vendimar, por coidar unhas ovellas... E ademais de calidade, temos a sorte de aportar turismo en diferentes estacións do ano, xa que as rutas do viño pódense facer no verán e no inverno, e as rutas nas montañas de Lugo poden ser atractivas con neve no inverno, ou coas follas do outono, ou coa primavera.

-Suponse ademais que se se aposta por esa calidade da que di mellorará na economía rural.

-Lugo é unha provincia rural. O segundo concello en poboación, que é Monforte, ten menos de 20.000 habitantes. Se queremos manter vivo o rural hai que ofrecer oportunidade para vivir nel, e o turismo é unha opción. Hai que darse conta de que supón o 11 % do noso PIB e xera moito emprego. Por iso, se somos capaces de promover expectativas económicas grazas ao turismo, teremos un rural para poder vivir e non un deserto. Por iso nós, desde a Deputación vamos a intentar favorecer e apoiar todas as iniciativas que xurdan do rural, co fin de que este se manteña vivo. As deputacións temos as competencias e os recursos que temos, pero nós imos apoiar iniciativas deste tipo.

 «Aínda que gobernen os meus, hai que seguir reclamando, pero xa me gustaría que a Xunta se portase tan ben con Lugo como o fai o Goberno»

Na semana na que o Goberno presentou as contas do Estado e o pleno provincial, a proposta do goberno lucense, sacaba adiante unha proposta para instar ao executivo central a que impulse a autovía Lugo-Santiago, José Tomé valora as contas xerais para o vindeiro ano e adianta como serán as da Deputación.

-Que lle parecen as inversións do Goberno na provincia?

-Pois xa me gustaría que a Xunta se comportase tan ben cono o fai o Estado. Porque máis alá da lexítima crítica da oposición, Lugo sae ben parada. Todo á vez non se pode facer, pero queda claro que a autovía Lugo-Santiago vaise rematar e que hai partidas para a modernización da liña de ferrocarril e da electrificación con Ourense que nos permitirá chegar ao AVE e estar conectados con Madrid en tempos similares a Vigo ou A Coruña. Sube un 62 % a inversión na provincia. Sen dúbida que me gustaría que houbese máis, pero tamén digo que a Xunta tome nota e faga a Rolda Leste de Lugo, a variante de costa, desdobre Nadela-Monforte...

-Pero na Deputación pedían impulsar a autovía Lugo-Ourense?

-Aínda que gobernen os meus, como se soe dicir, hai que seguir reclamando. E o fixemos desde que chegamos ao goberno provincial. Por exemplo, reclamamos a Autoridade Portuaria, porque Lugo é a única provincia de España, con Xirona, que non conta con ela. Coa diferenza da provincia catalá en que nós temos un porto declarado de interese xeral, o de San Cibrao, cunha entidade suficiente como para pedir a Autoridade Portuaria. Temos autovías pendentes e hai que seguir coa A-56, igual que coa A-74 ou coa A-76, que une Ponferrada con Monforte, e que permitiría a Lugo e a Galicia ten unha autovía sen portos de montaña, co beneficio que trae para permitir entrada e saída da Meseta.

-Como van a ser os orzamentos da Deputación do 2021?

-Xa os estamos a preparar e van a ir encamiñados nunha serie de premisas que xa expuxen recentemente nun encontro do Eixo Atlántico. Primeiro, temos que apuntalar e manter o emprego, especialmente en zonas pequenas. Temos que apoiar o sector primario de Lugo, o que máis peso ten en Galicia. Somos os primeiros produtores de leite, de mel, de madeira, ou líderes na pesca. Temos un sector primario que é punteiro. En segundo lugar, seguiremos coa cooperación cos concellos e co tecido asociativo e veciñal. En terceiro lugar, apostaremos polo turismo, onde estamos a traballar con boas ideas, así como axudar ao comercio e á hostalaría. E en cuarto lugar seguiremos con partidas para benestar social, desde a teleasistencia ata as residencias de maiores. Temos catro abertas e son un exemplo de modelo a seguir polo seu bo funcionamento. Agora que a Xunta estuda cambiar o seu modelo, incluso o Goberno quere revisalo, nós podemos explicar o noso.

-Van a abrir novas residencias?

-Sempre que o coronavirus nolo permita antes de final de ano queríamos abrir a de Castroverde, e a inicios do 2021 a de Pedrafita. O vindeiro ano tamén queremos abrir as de Navia e Meira. Creo que son residencias, que ademais de fixar poboación, axudan a que os residentes se sintan cómodos, primeiro porque no están en macro centros, e segundo porque non se senten desarraigados ao estar vivindo no lugar onde naceron e viviron.