Santiago Besteiro: «A nova artesanía galega ten un plusvalor que vén pola formación»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Este artesán de Monterroso, que deseña e fabrica bolsos de pel, é finalista nos Premios Nacionais de Artesanía

02 nov 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

O sector artesán galego volve ter voz propia nos Premios Nacionais de Artesanía, que convoca cada ano o Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. Entre os finalistas hai un artesán da provincia, Santiago Besteiro, que desde o seu obradoiro de Monterroso deseña e fabrica pezas de alta calidade en coiro, fundamentalmente, bolsos, combinando o traballo da pel co da madeira, a pedra e a escultura. Innovación, tradición, calidade e concienciación medioambiental van da man nun proxecto que opta ao galardón nacional na categoría de emprendemento.

—Que supón ser finalista nestes premios?

—É un recoñecemento ao meu traballo, ao proxecto e aos valores que quero imprimir nel. Tamén é un aval para certificar a calidade e a boa praxis no oficio. Este é o terceiro ano de vida desta empresa artesá, que está enfocada, sobre todo, ao mercado exterior. Nela priman os valores da sostibilidade, o compromiso coa cultura e coa preservación dun oficio artesán e a calidade á hora de fabricar as pezas, para que leven a un consumo menor. A idea é fomentar o consumo responsable, comprando obxectos de máis calidade, polo que se consumiría menos. O deseño tamén é un elemento diferenciador do noso taller, ademais da mestura de oficios: partindo do traballo da pel, mesturo pel e madeira na colección de bolsos, pero tamén comecei co mobiliario e interiorismo, incorporando a escultura e mesmo a cantería, para diversificar o proxecto.

—Como comezou no mundo da artesanía?

—Comecei o proxecto no 2016, despois de rematar Belas Artes, E nel quixen xuntar todo o que tiña estudado, xa que fixera tamén escultura en madeira na Escola Ramón Falcón, un obradoiro de cantería... e tamén aprendín de maneira autodidacta. Comecei a deseñar produtos en pel, madeira, pedra... todo con materiais naturais, biodegradables e que causen o menor impacto posible. Volvín ao rural, a Monterroso, e montei a empresa en xaneiro do 2018. Comecei creando unha pequena colección de bolsos e complementos en pel e hai un ano iniciei os primeiros prototipos sobre interiorismo: taburetes, lámpadas, vasixas, esculturas que mesturan pedra e pel, decoración...

—Que papel xoga a investigación no seu traballo?

—É esencial, fago unha investigación creativa en canto a formas, materiais, estruturas... para fundir os diferentes elementos. Os meus deseños buscan simplicar formas, ocultar peches e empates para dar protagonismo aos materiais. A pel que utilizo é vacún de orixe español, as fibelas son de latón macizo, emprego madeira de arce para facer a base dos bolsos e madeira de oliveira nunha peza que coloco como signo distintivo.

—De onde é a súa clientela?

—O 60% da miña clientela é centroeuropea, sobre todo de Alemaña e Inglaterra, que consumen artigos de calidade en pel e que teñen máis posibilidades salariais. Vendo, sobre todo, nas feiras nacionais e internacionais, on-line e nalgunha tenda que distribúe os meus produtos. Tamén facemos regalos de empresas.

—É caro mercar artesanía?

—Penso que é máis unha cuestión cultural que económica, porque teño bolsos desde 200 euros, que ao mellor un cliente español os gasta nun bolso doutra marca que lle proporcione un estatus, en lugar de apostar por unha proposta dun novo deseñador.

—Como ve a situación do sector da artesanía en Galicia?

—Galicia ten moi boa calidade, con proxectos moi interesantes. Hai xente emerxendo con proxectos moi fortes, de moi boa base. A nova artesanía galega ten un plusvalor que vén pola formación. A artesanía que triunfa é aquela na que se combinan oficio e formación, dando un valor engadido. Da tradición conservamos as técnicas, pero hai unha nova linguaxe na artesanía galega, e iso vén pola formación. Os artesáns somos un pouco coma os científicos, que teñen que buscar, ensaiar...

«Primo a sostibilidade, o compromiso coa cultura e a calidade, para levar a un consumo responsable»

—Venlle de familia o amor pola artesanía?

—En certa maneira, hai unha tradición de facer cousas coas mans. Meu pai era chofer de profesión, pero tamén facía cestos, cadeiras, angazos... E todo iso ten que ver co pasado en Galicia; hai sesenta anos nas aldeas galegas facíase todo e case non se mercaba nada.

Medio milleiro de artesáns certificados traballan na provincia

Case medio milleiro de lucenses traballan na provincia coa certificación da Carta de Artesán. Un sector clave na economía da provincia, que combina tradición con investigación e innovación, e tamén esencial para a recuperación e conservación de oficios tradicionais.

Segundo os datos facilitados pola Consellería de Economía e Industria, na provincia de Lugo hai 468 persoas que contan coa Carta de Artesán, que «constitúe unha certificación de coñecemento do oficio» e tamén é o paso previo para a obtención da cualificación de obradoiro artesán. Cos datos deste mes de outubro, na provincia hai 105 obradoiros profesionais inscritos no Rexistro Xeral da Artesanía da Xunta de Galicia e que, polo tanto, forman parte da marca Artesanía de Galicia.

Todo tipo de oficios

Os obradoiros que desenvolven a súa actividade nesta provincia están especializados en diferentes oficios, como a xoiería, a cerámica, a marroquinería, a forxa e ferrería, a talla de madeira, a metalistaría, a ebanistería, a confección de prendas de vestir, a restauración, a produción de instrumentos musicais, a elaboración de tecidos, o gravado, a cantería, a carpintería, a tapicería, a olería, a encadernación, a elaboración de traxes tradicionais, as vidreiras, os bordados, a pintura, a escultura, a peletería, a fotografía, o centón, a tornería, a bixutería, a serigrafía, a elaboración de xoguetes, a elaboración de complementos de moda, a escenografía e cartelismo, e mais o traballo coa calceta e gancho.

Estar inscrito neste Rexistro, segundo explican desde a Xunta, ten varias vantaxes, como a utilización da marca Artesanía de Galicia, «un selo de prestixio que constitúe un sinal de identidade propia e garantía de calidade para os consumidores». A Xunta facilita a estes artesáns a adquisición e distribución de material de packaging da marca e indicadores personalizados, a través da Asociación Galega de Artesáns.

Por outra banda, a inscrición permite acceder ás axudas para a comercialización e dixitalización dos obradoiros, participar en cursos formativos, actividades de divulgación e promoción do sector artesán galego, feiras, exposicións...

Para a obtención da cualificación de obradoiro artesanal no Rexistro Xeral de Artesanía da Xunta é preciso contar primeiro coa Carta de Artesán e estar dado de alta no Imposto de Actividades Económicas (IAE). A solicitude preséntaselle á Dirección Xeral de Comercio e Consumo da Consellería de Economía, Empresa e Innovación. Tanto a Carta de Artesán como a cualificación do obradoiro artesán son documentos que son expedidos pola Comisión Galega de Artesanía. A concesión destas acreditacións son por un período de cinco anos e pódese renovar coa presentación dunha nova solicitude.