«Este ano, máis cá nunca, bailemos»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Paula Quintas
Paula Quintas ANA GARCIA

A asociación 3monos organiza o festival de danza Cartografía en Movemento entre os días 30 e 1, con espectáculos, obradoiros e literatura

26 oct 2020 . Actualizado a las 13:32 h.

«Nunca deixes de bailar» é o lema elixido para a novena edición de Cartografía en Movemento, o festival de danza que terá lugar na cidade entre os días 30 e 1, organizado pola asociación cultural 3monos. O evento adáptase no formato, pero «mantén o fondo», aos tempos covid, para seguir reivindicando «os corpos que dancen, os que aínda de lonxe poden tocarnos, axitarnos, movernos, atravesarnos», explican desde 3monos. Por iso, «este ano, máis cá nunca, bailemos», continúan.

E precisamente porque non van deixar de bailar, manteñen o festival, acotando os espazos, pero conservando o contacto coa cidade. O evento comezará o venres 30 ás 19.00 horas na Casa do Saber, coa presentación do libro El público está aquí, de Sabela Mendoza.

Andrés Corchero
Andrés Corchero

Este ano, debido á pandemia, non se recibirán propostas abertas de intervencións na cidade, pero atoparanse lugares de encontro «non só como público, senón tamén como corpos en danza». Será, por exemplo, o sábado 31 de 10.00 a 14.00 horas no taller de Body Weather, impartido por Andrés Corchero no Hotel Méndez Núñez. E tamén na proposta A alma de cartografía, ás 19.00 horas nos baixos da Praza de Abastos. Os interesados en participar no obradoiro deben anotarse en info3monos@gmail.com. Aínda que é gratuíto, hai límite de prazas. Andrés Corchero tamén estará o día anterior, o 30, en escena con Agustí Fernández na súa peza Hara, co programa LED no Círculo das Artes. En canto ao domingo 1, ás 13.00 horas haberá outro evento de cartografía, e pezas de artistas como Paula Quintas (SET) e Rebeca Carrera (In the middle of the night), no Mercado Municipal Quiroga Ballesteros.