Xogos, obradoiros e túnel do terror animarán o Samaín

La Voz LUGO

LUGO

A concellería de Cultura de Lugo organiza actividades para os días 30, 31 e 1

25 oct 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Días 30, 31 e 1 • O Vello Cárcere e MIHL • Lugo • 

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, presentou as actividades do Samaín 2020, que incluirá un total de seis propostas que, segundo declarou, «organizamos seguindo coa cultura segura, pensando na seguridade de todas as persoas asistentes». Ferreiro afirmou que «desde a área de Cultura mantemos a nosa aposta pola cultura segura e por reactivar o tecido cultural local», e engadiu que «tamén incluímos accións destinadas a colaborar coa recuperación do comercio local».

O Vello Cárcere e o MIHL acollerán obradoiros para nenos e nenas, mentres as rúas da cidade serán escenario tamén de actividades seguras para toda a familia. O Vello Cárcere acollerá os obradoiros lúdicos «SAMAÍNeANDO no Vello Cárcere: aprende e xoga no Samaín», con grupos de distintas idades durante todo o día 31. Entre as 11.00 e as 12.00 horas terá lugar o obradoiro para nenas e nenos de 8 a 12 anos; de 11.30 a 12.30, para nenas e nenos de 3 a 5 anos, e de 17.45 a 18.45, para nenas e nenas de 6 a 8 anos. A inscrición terá que realizarse por adiantado no teléfono 982 297 446. En canto ao MIHL, organiza obradoiros para nenas e nenos de 4 a 12 anos. O sábado 31 entre as 17.00 e as 19.00 realizaranse máscaras terroríficas, e o domingo 1, á mesma hora, exploraranse as cores do Samaín.

Santa Compaña

A Santa Compaña pasará polas rúas de Lugo o venres 30 e o sábado 31 polo recinto histórico, entre as 20.00 e as 21.30 horas, e a Canella do Hospital acollerá un túnel do terror para público familiar o venres 30 e o sábado 31 entre as 10.00 e as 21.00.

A área de Cultura organiza tamén un concurso de disfraces e de escaparates, cuxas bases se poden consultar na web do Concello.