O presidente da Deputación recibe ao presidente honorífico da Fundación Araguaney e fundador da produtora de O Sabor das Margaridas

LA VOZ LUGO

LUGO

Un momento do recibimento no Pazo de San Marcos
Un momento do recibimento no Pazo de San Marcos cedida

Tomé Roca e o fundador de CTV tamén falaron da posibilidade de novas futuras colaboracións para seguir consolidando á provincia de Lugo como plató de cine

24 oct 2020 . Actualizado a las 14:58 h.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, recibiu no Pazo de San Marcos a Ghaleb Jaber Ibrahim, presidente honorífico da Fundación Araguaney e fundador da produtora audiovisual CTV, quen acudiu acompañado de Ignacio Varela Ramos, director de comunicacións da fundación, e de José Manuel Rodríguez González.

A institución provincial colaborou con CTV na rodaxe da segunda tempada de O Sabor das Margaridas cunha achega de 120.000€, unha oportunidade “para impulsar a proxección da provincia a nivel internacional”, subliña José Tomé, pois trátase da primeira serie galega incorporada á plataforma Netflix, na que se estreará a mediados de novembro, e nela Lugo ten un papel protagonista ao aparecer como escenario paraxes como a Ribeira Sacra, o Pazo de Adai, no Corgo, ou a capital lucense.

O Presidente e Jaber Ibrahim abordaron durante o encontro a importancia desta colaboración, que o Presidente enmarca no dobre obxectivo da Deputación de, por un lado, promocionar o territorio a través do audiovisual atraendo rodaxes á provincia, e, por outro, apoiar o sector audiovisual galego “porque iso supón crear industria, emprego e fomentar a cultura e a nosa lingua”.

Neste sentido, Tomé Roca e o fundador de CTV tamén falaron da posibilidade de novas futuras colaboracións para seguir consolidando á provincia de Lugo como plató de cine.

O Presidente da Deputación entregou a Ghaleb Jaber Ibrahim como agasallo institucional dúas publicacións sobre o patrimonio da Ribeira Sacra e unha cesta cunha selección de produtos artesáns elaborados na provincia.