Unha galega na lúa

María L. Sánchez

LUGO

20 oct 2020 . Actualizado a las 18:50 h.

Non me resistín a empregar, cos trocos imprescindibles, o título da coñecida pandeirada para presentar nestas liñas á galega Sonia Villapol Salgado, veciña de Bretoña que, na afastada cidade de Houston, forma parte do equipo internacional de investigación da covid-19. O seu campo de traballo non é a viroloxía, senón a neurociencia; mais resulta que entre as consecuencias desta doenza se atopan as secuelas neurolóxicas. E velaí a temos agora, investigando os cambios na microbiota intestinal nos afectados pola enfermidade e a súa relación coa evolución do seu prognóstico para atopar posibles beneficios terapéuticos.

Un dos efectos positivos da situación que estamos a vivir é o de tomarmos conciencia da importancia da investigación. As cifras comparativas do investimento en investigación dos distintos países europeos é fondamente reveladora e, ao tempo que nos enorgullece saber do labor de persoas coma Sonia Villapol, que, logo de se formaren na nosa universidade, pasaron a se integraren en equipos de investigación punteiros por todo o mundo, doe tamén tirarmos de hemeroteca e vemos como en 2010 afirmaba nunha entrevista no Faro de Vigo: “emigrei para ter un futuro claro”.

Agora, o futuro e a esperanza pasan por unha mudanza nos nosos hábitos mentres agardamos que a ciencia atope unha solución en forma de tratamentos ou vacinas. Non cabe dúbida do impacto económico que o descubrimento e a conseguinte patente traerán consigo. Estou por apostar que nos equipos de investigación que finalmente o consigan haberá algunha investigadora ou doutorando galego; mais seguro que o seu traballo acabará contribuíndo a unha patente subscrita noutro país. Por suposto, daremos a benvida á solución. Veña de onde veña. Pero despois será o momento de facermos un alto no camiño e pensarmos en como podemos reverter esta situación.