Ana Belén Traseira: «A UNED naceu como a universidade do futuro e agora xa é a do presente»

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LA VOZ

LUGO

Ana Belén Traseira, directorada do centro asociado de UNED en Lugo
Ana Belén Traseira, directorada do centro asociado de UNED en Lugo ALBERTO LÓPEZ

A directora do centro asociado de Lugo destaca que pandemia aumentou o interese por estudar unha titulación na UNED

14 oct 2020 . Actualizado a las 19:46 h.

A UNED de Lugo ten aberta ata o 22 de outubro a matrícula para os 28 grados que ofrece para toda España. A crise da pandemia do covid-19 tivo menor incidencia no desenvolvemento do pasado curso que noutros modelos de ensino públicos e as perspectivas para o novo curso son boas.

-Como afrontan este curso?

-Pois foi un desafío para nós polo momento histórico que vivimos. A UNED, que é a maior universidade de España, naceu como a universidade do futuro e agora xa é a do presente. Hai uns meses todos tivemos que enfrontarnos a un salto tecnolóxico, que desde a UNED xa estabamos preparados. Por iso o curso, a pesar dos problemas que había na sociedade, o vivimos dun xeito natural e sen sobresaltos. Incluso, os exames de xuño e setembro, fixéronse a través de Internet.

-Entón supoño que esperan un incremento de matriculados?

-Tivemos unha xornada de acollida e polo número de persoas que tanto a nivel presencial como en liña participaron superou todas as expectativas que tiñamos. Hai que ter en conta que é unha universidade sen límites de idade, máis alá de ter 18 anos, e que permite aos estudantes facer a titulación desde casa, mesmo as titorías, aínda que os que desexen facelas de xeito presencial, poderán seguir vindo ao centro.

-Vamos, que están preparados a nivel presencial e en liña.

-Si, temos un plan de continxencia que se pode consultar na web, con totais garantías sanitarias. Os alumnos que se achegan á UNED valoran agora que o curso, sexa cal sexa a situación sanitaria, continuará, porque aínda que sempre tivemos un modelo semipresencial, temos flexibilidade e adaptámonos ás necesidades dos alumnos, e poden ter titorías virtuais ou presenciais.

-Trátase dun modelo con sentido nunha provincia cunha poboación tan dispersa como a de Lugo?

-É importante que sexamos un centro como eixo vertebrador da provincia e calquera alumnos, viva onde viva, poda cursar na UNED. Ademais, temos aulas en Foz, Viveiro, Monforte e a Sénior de Sarria. E logo para nós é fundamental afondar no valor da sostibilidade. Puxemos en marcha o proxecto Naturalidade, que nace como unha experiencia vital para cumprir a axenda 2030 da ONU para loita contra o cambio climático. Desde o centro de Lugo queremos lanzar unha mensaxe á sociedade, con actividades de divulgación, como a exposición que temos agora sobre especies invasoras, paseos guiados pola contorna do río, vídeos didácticos ou mesmo ser padriños dun tramo de 500 metros do Miño, do que nos facemos responsables do seu coidado e analizamos a calidade da auga.

Ana Belén Traseira, directorada do centro asociado de UNED en Lugo
Ana Belén Traseira, directorada do centro asociado de UNED en Lugo ALBERTO LÓPEZ

-Ofrecen 28 titulacións, pero hai algunhas máis demandadas polos alumnos de Lugo?

-Hai determinadas titulacións que teñen prestixio na UNED, e unha clásica é Dereito. Agora tamén hai demanda de Criminoloxía e tamén de Psicoloxía, onde somos referencia en España, xa que o pasado curso o 19 % dos titulados en España son da UNED. Despois hai graos vocacionais, como Filosofía ou Historia da Arte moi solicitadas, e tamén Pedagoxía e Educación Social.

-A UNED en Lugo foi unha demanda histórica que ao final se conseguiu. Que balance fai?

-Mereceu moito a pena o esforzo que fixeron e fan tanto Deputación como Concello. Posibilitaron que máis de mil alumnos estudasen cada ano, e levamos doce cursos. O pasado curso participaron 2.700 alumnos nos 60 cursos que programamos. E, por exemplo, cando vivimos a anterior crise económica, a UNED cumpriu a súa vocación social como universidade. Agora, grazas a unha axuda da Deputación, estamos renovando os equipos informáticos para dar un mellor servizo.