Monterroso non terá Feira de Santos este ano

La Voz LUGO

LUGO

Feira de Santos en Monterroso no 2019
Feira de Santos en Monterroso no 2019 OSCAR CELA

É a segunda vez nos seus máis de 700 anos de historia que se cancela; a anterior, en 1918, tamén fora por unha pandemia, a da gripe

15 oct 2020 . Actualizado a las 13:02 h.

Non haberá Feira de Santos este ano. O Concello de Monterroso cancelou a súa emblemática celebración, segundo informou o goberno local, despois de valorar todas as opcións e, sobre todo, a situación sanitaria actual derivada da pandemia. Desde o Concello explicaron que «a actual incertidume creada polos continuos rebrotes do covid-19 e a dificultade que se vislumbra en torno á mobilidade das persoas, lévanos a tomar esta triste medida pese a telo intentado ata o último momento».

A Feira de Santos, declarada Festa de Interese Turístico Galego, é un evento social e económico que ten un carácter extraordinario pola súa celebración anual, e por ser centro de atracción de milleiros de persoas que acoden a ela ininterrumpidamente dende hai máis de 700 anos, coa única excepción coñedida da súa prohibición en 1918, debido a unha segunda vaga epidémica da gripe.

Desde o Concello comunican que, recentemente, distintas administracións publicaron que a tendencia vírica actual é crecente e que debería aplicarse o principio de precaución e de actuación precoz de cara a poder enfrontar os vindeiros meses na mellor situación epidemiolóxica posible, pois é previsible un aumento da incidencia de casos nos meses vindeiros, debido a que a poboación estará maís tempo en ambientes pechados que favorece a transmisión e a posible coinfección co virus da gripe, cuxa tempada epidémica se espera tamén nos próximos meses.

«Estamos nun momento no que é fundamental garantir a saúde dos feirantes, dos visitantes e dos monterrosinos, así como contribuir á contención do virus. Así pois, estas premisas deben estar por encima de calquera evento», remarcan dende o Concello. Esta decisión resposta, din, «a un acto de sensatez e, repetíndose lamentablemente a historia, o Concello de Monterroso despois de consultalo coas distintas administracións, e vendo a evolución do virus incluso a nivel mundial, toma a dificil decisión de cancelar este evento». Trátase dun acordo que o executivo local cualifica de «difícil decisión», pero que «é, aseguran, froito da sensatez, da coherencia e da responsabilidade, pois a Feira de Santos é un evento económico, pero tamén social no que é practicamente imposible evitar posibles contaxios».

Festa de Interese Turístico Nacional

O equipo de goberno, ante esta situación extraordinaria, manifesta a súaintención e compromiso de loitar para que esta feira sexa declarada Festa deInterese Turístico Nacional e revitalizar a mesma en vindeiros anos.