A Deputación, referente na Semana Europea das Rexións polo seu modelo asistencial e de atención aos maiores

LA VOZ LUGO

LUGO

Foto de archivo del presidente de la Depoutación de Lugo, José Tomé
Foto de archivo del presidente de la Depoutación de Lugo, José Tomé Carlos Castro

A Deputación de Lugo foi seleccionada entre máis de 6.000 candidaturas para participar na Semana Europea das Rexións e das Cidades 2020

13 oct 2020 . Actualizado a las 16:41 h.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, expuxo este martes no marco da Semana Europea de Rexións e Cidades 2020 o modelo asistencial e de atención aos maiores da institución provincial, seleccionada entre máis de 6.000 candidaturas para liderar neste encontro, o maior evento anual de política rexional de Europa, un seminario sobre o desafío europeo do envellecemento activo post Covid-19 celebrado por vía telemática.

Tomé Roca debullou polo miúdo a Rede de Protección Social provincial, que presta servizo a persoas maiores en situacións de vulnerabilidade, realiza accións de prevención da dependencia e favorece o envellecemento activo. Compartiu a experiencia da Deputación no desenvolvemento e implantación de enfoques innovadores elaborados para dar a mellor resposta á realidade social dos 67 concellos da provincia de Lugo.

Case o 30 % dos lucenses ten máis de 65 anos

Na súa intervención, o mandatario provincial fixo unha radiografía da situación da provincia e das principais características da súa poboación: máis do 29% dos habitantes supera os 65 anos e a maioría concéntrase no rural. Estas particularidades, explicou Tomé Roca, son as que marcan as políticas sociais, que perseguen aumentar os niveis de benestar da poboación, contribuíndo a lograr unha sociedade máis igualitaria. “A nosa liña de traballo céntrase na atención ás persoas, a cooperación coas familias e o desenvolvemento dun modelo de centros de maiores propio”, explicou.

Nesa liña, manifestou o Presidente que dende a Deputación de Lugo “entendemos que o envellecemento activo se consegue dunha maneira máis eficaz se vinculamos novas pautas de conduta ou hábitos de vida á contorna tradicional do usuario, sempre que é posible, consiste en facilitarlle á persoa maior a permanencia no seu propio fogar”.

Neste senso, o Presidente expuxo os tres piares da Rede de Protección Social da Deputación:

  • A colaboración cos concellos para a prestación do Servizo de Axuda no Fogar
  • A prestación do servizo de teleasistencia as 24 horas do día os 365 días do ano
  • Osentros públicos de atención a maiores, marcados por unha “filosofía propia”.

“Trátase dun modelo de xestión das residencias público, próximo, de calidade asistencial, que pon no centro ás persoas. Un sistema que favorece o benestar, a calidade de vida e a tranquilidade dos maiores e das súas familias, e que, ademais, ten un retorno económico importante na zona na que se implanta, pois crean emprego sostible e contribúen así a fixar poboación”, explicou o Presidente. A eficacia deste modelo de xestión, subliñou José Tomé, “que xa viña corroborada polas experiencias de usuarios, familias e profesionais, quedou de novo de manifesto coa chegada da Covid-19”.

A Deputación de Lugo foi seleccionada entre máis de 6.000 candidaturas para participar na Semana Europea das Rexións e das Cidades 2020, unha plataforma de comunicación e traballo en rede que agrupa rexións e cidades de toda Europa, incluíndo os seus representantes políticos, funcionariado, e expertos e académicos, co obxectivo de promover a aprendizaxe de políticas e o intercambio de boas prácticas.

A institución provincial propuxo neste encontro europeo a discusión dos retos comunitarios sobre o envellecemento activo e saudable ante a crise de saúde global provocada polo coronavirus Covid-19, na que o colectivo das persoas maiores é o máis afectado, e no marco do compromiso da Deputación co benestar dos maiores da provincia.