A «burbulla cultural» de outubro leva teatro, música e talleres

La Voz LUGO

LUGO

Representación da montaxe «Paz perpetua» nun festival universitario do Campus de Lugo
Representación da montaxe «Paz perpetua» nun festival universitario do Campus de Lugo

A Aula de Teatro de Ourense inaugura este martes o Festival de Teatro Universitario no Campus de Lugo

10 oct 2020 . Actualizado a las 17:07 h.

O XXVI Festival de Teatro Universitario abre este martes na Casa do Saber a burbulla cultural de outubro no Campus de Lugo, unha programación que tamén inclúe, ademais das actividades de formación e representación teatral, unha nova edición do evento de música electroacústica Sons Creativos, e novas intervencións de mulleres creativas, das que serán protagonistas Arantxa Treus e Marga Portomeñe.

O festival teatral arrinca cunha cita co director da Aula de Teatro de Ourense, Fernando Dacosta, que presentará este martes, día 13, ás 20.30 horas na Casa do Saber, as conclusións da súa tese de doutoramento sobre a historia do teatro universitario en Galicia. Tamén intervirá Tareixa Campo, que foi a primeira directora da Aula de Teatro da USC no Campus de Lugo. O programa continúa o mércores 14, ás 20.30 horas no Auditorio Municipal Gustavo Freire, cunha intervención da compañía de teatro USC-Lugo. Dirixidos por Sergio Zearreta, presentarán o proceso de creación de Ubú Rei, de Alfred Jarry. O grupo Maricastaña da Aula de Teatro de Ourense pechará o xoves a primeira parte do festival, con Imperátor, unha peza escrita e dirixida por Fernando Dacosta. Será ás 20.30 no Gustavo Freire. Rematará o 2 de decembro coa compañía da Teatro da USC-Santiago de Compostela. Dirixidos por Roberto Salgueiro, presentarán no Gustavo Freire, a partir das 20.30, En inverno non vai tempo para ir á praia, pero ti insistiches en ir a facer un picnic. O festival contempla tamén actividades formativas complementarias: talleres de dramaturxia, marionetas, arte dramática e dirección de escena.

Mulleres creativas

A iniciativa Mulleres creativas, iniciada en setembro para facer visible o traballo das creadoras galegas, continuará coas intervencións de Arantxa Treus e Marga Portomeñe. A actriz e dramaturga Treus, que vén de ser galardoada no Festival de Teatro Galego do Carballiño, representará o luns 19, ás 20.30 horas, na Casa do Saber, a peza Sopresa. Ao remate, o público poderá participar nun coloquio coa actriz. A artista luguesa Portomeñe intervirá o luns 26, a partir das 20.30 na Casa do Saber, co relatorio-demostración Como vivir ou convivir coa creación artística.

A nova edición do evento de música electroacústica Sons Creativos, promovido e coordinado por Xoán Xil e Inmaculada Cárdenas, desenvolverase do 22 ao 25 de outubro na Casa do Saber. Inclúe as actuacións do Grupo de Creación Sonora da Universidade de Santiago, integrado por Inmaculada Cárdenas, Mónica Álvarez e Efraín Díaz, que actuará o 22 ás 20.30 horas. Ao día seguinte intervirá Colapso Jam. Lar Legido e Fotogenia estarán os días 24 e 25.

Entradas

As actividades son de balde, pero debido á situación sanitaria derivada da pandemia, os interesados en asistir como público deben enviar una solicitude a cultura.lugo@usc.es desde o venres anterior a cada actividade.