Narración oral e novo poemario para honrar a Manuel María

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Soledad Felloza
Soledad Felloza

A Casa-Museo de Outeiro de Rei acolle varios actos culturais este sábado

09 oct 2020 . Actualizado a las 11:59 h.

Sábado 10 • 18.00 e 19.00 horas • Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei) • Entrada libre, con reserva previa en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no 698 177 621 • 

O mundo da cultura, por iniciativa da Casa-Museo Manuel María, celebra o nacemento do poeta chairego coa estrea dun espectáculo de narración oral baseado en textos de Manuel María, e coa reedición do poemario Remol, que se presenta o sábado á tarde.

O martes cumpríronse 91 anos do nacemento de Manuel María, e a Casa-Museo organizou para o sábado ás 18.00 horas, dentro do seu encontro anual de amigos e amigas da Fundación, a presentación dunha nova edición, a terceira, de Remol, poemario que o pasado 25 de xullo cumpriu 50 anos desde a súa primeira publicación por Edicións Nós en Bos Aires. O acto contará coa presenza da escritora, cineasta, catedrática de Comunicación Audiovisual e amiga persoal de Manuel María, Margarita Ledo Andión, que escribiu o prefacio deste libro de 43 poemas distribuídos en cinco partes: manifesto; poemas líricos e intimistas; biográficos; de denuncia e compromiso; e de homenaxe e solidariedade coas persoas que se significaron na defensa dos pobos asoballados polo imperialismo.

Ao remate, sobre as 19.00 horas, a contadora de historias Soledad Felloza estreará un espectáculo de narración oral baseado en textos narrativos de Manuel María. Esta actriz, dramaturga, fotógrafa e narradora, é directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica. Ademais, imparte formación en narración oral e desenvolve unha salientábel labor de animación á lectura en distintas bibliotecas. A súa publicación A cociñeira do Rei, foi premio europeo de narración oral ao mellor conto para nenas e nenos no 2015.