Adrián Vigo: «Será un concerto moi especial co que celebro vinte anos de carreira»

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Adrián Vigo tamén actuou no 2018 no San Froilán
Adrián Vigo tamén actuou no 2018 no San Froilán Carlos Castro

O pianista, cantante e compositor chairego actúa no San Froilán o martes 6 ás 21.00 horas na Horta do Seminario

06 oct 2020 . Actualizado a las 09:42 h.

O artista Adrián Vigo (Baamonde, 1988) ofrecerá o martes 6 un concerto (21.00 horas, Horta do Seminario) dentro do programa de actividades culturais deste atípico San Froilán. O cantante, pianista e compositor subirá ao escenario con parte da súa banda para ofrecer un repertorio cheo de baladas, rumbas, boleros, salsa, música pop...

A música é inherente á vida deste artista, que cumpriu o soño polo que leva loitando desde os 3 anos, con talento, traballo e forza de vontade: facerse un oco no panorama musical, a pesar de ter unha discapacidade do 80% que lle afecta, entre outras cousas, ás mans e á vista.

-Como será o concerto?

-Será en formato de cinco, que é un dos «formatos covid» cos que traballo neste novo contexto. Será un concerto moi especial porque celebro vinte anos de carreira. Ademais, para min volver actuar no San Froilán significa moito. Quero invitar á xente a ir ao concerto, é moi importante que a cultura siga, isto non pode parar. Ademais, conta con todas as medidas de seguridade e ímolo pasar moi ben.

-Que temas interpretará?

-Haberá temas dos dous primeiros discos, Profunda amistad e Reflejos, pero tamén novas cancións que incorporarei ao terceiro disco, que espero que poidamos publicar o ano que vén.

-Como pasou estes últimos meses de pandemia?

-Funme adaptando ben, e aproveitei para seguir compoñendo e facendo arranxos. Tamén mantiven as clases con David Taboada. Os concertos si que están bastante parados, pero teño varios proxectos en perspectiva para o Xacobeo 2021.