Pandemias, guerras e temporais impediron a celebración das festas

adolfo de abel vilela LUGO

LUGO

Venda de apeiros de labranza e pezas de artesanía en 1972 na actual Praza da Constitución
Venda de apeiros de labranza e pezas de artesanía en 1972 na actual Praza da Constitución PEINÓ

O cólera de 1884, Cuba e 1898, a gripe de 1918 e o Hortensia en 1984, datas históricas

05 oct 2020 . Actualizado a las 17:33 h.

Os lugueses, e non digo os lucenses para abarcar aos que vivimos na provincia, de antes e de agora, temos un calendario especial que divide o tempo partindo do San Froilán. Cando temos algo que facer e retrasamos tomar a decisión deixámolo «para despois do San Froilán», pois tempo haberá para facelo no longo inverno que aquí dura nove meses. 

A feira de gando, orixe da festa

O inicio das festas actuais está en 1876, como quen di o outro día, sen embargo temos a impresión de que teñen centos de anos, posiblemente porque as mesturamos coas feiras que si foron centenarias. Desde principios do século XII Lugo tiña unha feira mensual, o día 1 de cada mes, e outra anual que duraba varios días e que comezaba o 4 de outubro, festividade de san Francisco, sendo ese o nome que se lle daba. Despois de feitas as colleitas, a primeiros de setembro iniciábase un ciclo de tres feiras onde se vendía e mercaba o gando vacún, e especialmente o cabalar, mular e asnal, moi importante antes de que se inventase o automóbil tanto para os desprazamentos como o traballo agrario.

A primeira feira era a da Virxe do 8 de setembro na Fonsagrada, separada temporalmente da de San Froilán que comezaba o 4 de outubro para que lle dese tempo aos tratantes a levar o gando adquirido ao seu destino, polo xeral Castela. Terminada a feira de Lugo viña a de San Lucas en Mondoñedo a mediados de outubro completándose así este ciclo económico.

O culto a san Froilán

O culto a san Froilán en Lugo comezou no último terzo do século XV cando o arcebispo de Sevilla, don García Enríquez Osorio, financiou a construción dunha capela na catedral, hoxe coñecida como a capela do Pilar. Don García era irmán do bispo de Lugo don Alonso Enríquez de Lemos e de don Pedro Álvarez Osorio, que tiña casa nas Cortiñas de San Román, actual Praza Maior, por tanto podemos dicir que aquí o culto a san Froilán veu da man da Casa dos condes de Lemos.

Non obstante non hai noticias de que no século XVI se celebrase festa en honor ao santo que a tradición di que naceu no Regueiro dos Ortos pola ribeira do Miño, pola zona do Carme. O 24 de setembro de 1601 foi cando o Cabido acordou celebrar como de Táboa a festa relixiosa en honra do santo. Pouco despois virían as festas profanas.

A feira de gando, especialmente de cabalo e mular, foi sempre moi prezada no San Froilán
A feira de gando, especialmente de cabalo e mular, foi sempre moi prezada no San Froilán PEINÓ
 

As festas modernas

As primeiras festas, chamadas regocijos, organizáronse a partir de 1610, cando o Cabido e o bispo Alonso López Gallo fundan unha confraría, organizacións piadosas que alcanzaron gran pulo despois do Concilio de Trento e especialmente no período barroco, da que tiñan que ser membros as dignidades e cóengos e os membros do Concello (alcaldes, rexedores, procurador xeral e escriban). Nos primeiros anos a festa profana era organizada por dous ramistas, un membro do Cabido da catedral e un do Concello que a pagaban do seu peto. Comezou unha competencia entre eles para ver quen facía mellores festas, ata o punto de que houbo rexedores que se negaron a facelas porque lle saín moi caras, algúns gastaron nelas máis de 300 ducados, decidindo o bispo en 1619 suprimir as festas profanas dado que algúns mordomos se excederan en facer máis festa da que se establecía nos Estatutos da confraría. No ano 1676 pediuse reformalos porque había uns vinte anos que non se facían as festas. 

As festas contemporáneas

A partir dese momento as festas profanas desapareceron, e non se recuperaron regularmente ata 1877, con motivo da I Exposición Rexional. Excepcionalmente houbo festa en 1867 con motivo da Exposición Agrícola e Pecuaria de Galicia e en 1875 cando chegou oficialmente o primeiro tren, aínda que reducida a música e uns foguetes. O primeiro intento para facer festas regularmente foi en 1871, co fin de animar á xente a vir á feira de gando que estaba decaída, e «proporcionar alguna distración a los forasteros». En abril de 1876 fúndase a Banda Municipal e xa había música para animar, a partir dese momento as festas tiveron continuidade ata hoxe, con algunhas excepcións, nas que as festas foron suspendidas, ou reducidas, por tres causas, pandemias, guerras e temporais.

Barracas do San Froilán no campo da feira en 1964
Barracas do San Froilán no campo da feira en 1964 ARCHIVO HISTÓRICO PROVINCIAL
 

Impedimentos da celebración

As pandemias impediron que as festas se desenvolvesen na súa totalidade ou con normalidade segundo un programa festeiro. O 13 de setembro de 1884 acordaron suspender as festas pola «invasión colérica y de que son víctima algunos pueblos de España», tendo en conta o exposto por un concelleiro «respecto de la época que atravesamos poco propicia para festejos».

En 1885 tampouco houbo festas para o público, si as fixeron o Casino e o Círculo de las Artes para os socios e forasteiros convidados. O pretexto foi a crise económica en toda España e a choiva, un dos inimigos habituais do San Froilán no comezo do outono.

En 1897 a festa quedou reducida a unha ducia de bombas o día 4 para inaugurar a feira, percorrido da Banda Municipal polas rúas, iluminación na Casa Consistorial pola noite e concerto para animar o paseo do Cantón na Praza Maior, programa que se repetiu o día 5, co extraordinario duns fogos artificiais.

En 1898 non estaba o forno para bolos debido pola perda das colonias e, especialmente, polo calamitoso estado no que regresaban os soldados repatriados de Cuba, moitos acollidos e falecidos no sanatorio que se instalou no edifico do Colexio de Párvulos apegado a igrexa do antigo hospital de San Bartolomeu, hoxe parroquia de San Froilán. Non houbo festas organizadas polas tristes circunstancias polas que atravesaba España e pola situación económica do municipio.

Pero improvisaron algo, puxeron gallardetes nas prazas, a Banda Municipal percorreu as rúas e iluminaron con faroliños a fachada da Casa Consistorial, «y ahí van todas las fiestas de San Froilán en el presente año de desgracia», dicía o diario local El Regional.

Imagen de cómo quedó la Casa de Andalucía tras el paso del Hortensia en el San Froilán de 1984
Imagen de cómo quedó la Casa de Andalucía tras el paso del Hortensia en el San Froilán de 1984 Peinó

En 1918 a pandemia da chamada Gripe Española non impediu que houbese festas ata o día 9 de outubro, xa que o ministro da Gobernación mandou un telegrama a destempo prohibindo a celebración, pero aínda así non se puido evitar as aglomeración de xente diante das barracas con atraccións, nas rifas das tómbolas, e na concorrencia ás casetas para mercar e comer o polbo.

Durante a guerra civil de 1936-1939, e na posguerra, houbo festas, aínda que modestas, para dar sensación de normalidade nun territorio que quedou no chamado «bando nacional», lonxe dos campos de batalla.

O 4 de outubro de 1984 o ciclón Hortensia desfixo o feiral instalado no parque e as festas quedaron afectadas polo temporal. Agora a pandemia actual tamén nos limita as actividades festeiras, pero algo hai organizado, para demostrar que os de Lugo non esquecemos que estamos no San Froilán.