Rexeito a decisión de Alcoa, por falsidade e mala fe

José Tomé

LUGO

28 sep 2020 . Actualizado a las 21:44 h.

Como presidente da Deputación de Lugo, quero mostrar o rexeitamento á decisión da multinacional Alcoa de romper as negociacións de venda da planta de San Cibrao á empresa británica Liberty House. Unha decisión que demostra, de novo, a mala fe, a falsidade e a dobrez coa que a empresa norteamericana actúa cara a provincia de Lugo durante os últimos anos.

Esta decisión de bloquear o proceso de venda ratifica que, dende un principio, os intereses de Alcoa en Lugo non tiñan nada que ver, nin co mantemento dos postos de traballo, nin co futuro dos traballadores e as súas familias, nin coa economía produtiva. A súa actitude converte nunha burla a suposta filosofía da empresa, que presume de establecer estreitos vínculos coas comunidades onde se instala, pensar a longo prazo e ser un bo veciño.

Alcoa prefire pechar unhas instalacións a vendelas e que sigan producindo e manteñan viva a toda a unha comarca, porque entende que isto pode resultarlle beneficioso e prexudicar ós seus competidores. Un exemplo de que non xoga na economía de mercado, senón na economía especulativa, allea ós intereses reais dos traballadores, das súas familias e da comarca.

O problema real destes últimos meses non foi o prezo da enerxía, algo no que o Goberno de España traballou para abaratar o custo. O problema foron as decisións xeoestratéxicas a nivel internacional adoptadas por unha multinacional que quere controlar, ó mesmo tempo, unha produción de aluminio e o subministro de alúmina. E o problema é tamén a herdanza dunhas privatizacións feitas polo Partido Popular, que non xeraron ningún beneficio económico e puxeron sectores estratéxicos da economía galega en mans de intereses privados que non buscaban, nin liberalizar o mercado, nin modernizar o modelo produtivo, senón actuar baixo criterios de economía especulativa, empregando a chantaxe permanente de ameazar co peche e coa redución de postos de traballo para garantir axudas públicas. Todo isto, sen mecanismos de control que velasen polo bo funcionamento das empresas.

Ante a postura de Alcoa, quero reiterar o firme apoio e solidariedade da Deputación de Lugo cos traballadores da fábrica de San Cibrao, cos das empresas auxiliares e coas súas familias. Tamén quero mostrar de novo o noso respaldo ós alcaldes da Mariña, que veñen reclamando unha solución que manteña unha actividade económica fundamental para a comarca e a provincia de Lugo. Ademais, pídolle á Xunta de Galicia, a administración que ten as competencias en industria, e ó Goberno central, que apliquen a lexislación española e europea para frear o peche da planta e impedir unha intolerable operación especulativa.

A actitude de Alcoa, vulnerando de feito as regras de xogo do libre mercado e optando por un bloqueo interesado dun plan industrial de futuro para a planta de San Cibrao, esixe unha resposta contundente dos poderes públicos, así como unha reflexión acerca da necesidade de contar con mecanismos de control que garantan que a industria sexa un factor de desenvolvemento económico do territorio e non un peón sacrificable, xunto cos seus traballadores, en xogos especulativos.