Consultas médicas

Xulio Xiz

LUGO

21 sep 2020 . Actualizado a las 19:56 h.

oxe, cara ao mediodía, espero a chamada do meu médico de cabeceira. Pedín cita para consulta, e esta vai ser telefónica porque a maldita pandemia que nos aqueixa ten condicionado todo o entramado sanitario de xeito que moi importante ten que ser un problema de saúde para ser atendido persoalmente en territorio sanitario.

Teño a grande vantaxe de que facultativo e paciente acabamos sendo amigos. Dunha parte, polo tempo de convivencia sanitaria, doutra -máis importante- porque me tocou un médico preocupado polos que estamos ao seu cargo, aos que nos dedica un tempo que cando se agarda na consulta parece un pouco longo, e ao que por vivir preto do centro en que traballa teño atopado saíndo do traballo superado con amplitude o seu horario.

As miñas consultas son case confesións sobre temas paramédicos, na conciencia de que a saúde ten parte importante de coidados sanitarios pero tamén outra máis importante aínda de observacións e atencións que só se amañan co talante e coa palabra. Para min a consulta telefónica é tan completa como a presencial, especialmente tendo en conta que coñecendo o meu historial non lle fai falla observarme en directo, bastándolle a miña voz para o diagnóstico.

Afixémonos a agardar que desta pandemia poidamos saír mellorados por aproveitar recursos cos que non contábamos, porque aprenderemos a vivir máis sinxelamente, porque cada agresión que sufrimos nos fai máis fortes. Quizais esta inesperada situación propicie tamén que estimemos máis o noso magnífico sistema sanitario, e saibamos utilizar as súas prestacións cando efectivamente nos sexa necesario.