Renovado o acordo da Deputación de Lugo con Abanca para o cobro de taxas de 64 concellos lucenses

La Voz

LUGO

Firma do convenio entre José Tomé e o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa
Firma do convenio entre José Tomé e o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa CEDIDA

O director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa, destacou a boa colaboración que manteñen coa administración provincial

19 sep 2020 . Actualizado a las 11:51 h.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, xunto á deputada de Economía, Recadación, Facenda e Especial de Contas, Mayra García Bermúdez, asinou este venres, na Sala de Xuntas do Pazo de San Marcos, co director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa García, un convenio de colaboración entre as dúas entidades. A renovación do acordo permite, segundo destacou o mandatario provincial, que os veciños dos 64 concellos da provincia que están adheridos ao Servizo de Xestión Tributaria e Recadación poidan pagar recibos e taxas a través da rede de servizos bancarios e oficinas da entidade bancaria.

O presidente destacou que a Deputación «trata de mellorar permanentemente o Servizo de Recadación para ofrecer unha mellorar atención á cidadanía». Neste senso, explicou que a información dos recibos é agora máis clara porque a cidadanía identifica dunha maneira sinxela a que administración lle paga os seus impostos, dado que a Deputación se ocupa da parte burocrática e pasa o cobro os recibos segundo o padrón que lles trasladan os concellos, pero son as entidades locais as que reciben os ingresos.

«Este convenio xurde do convencemento de que as entidades privadas e as administracións públicas temos que colaborar, dende os nosos respectivos ámbitos, para facilitarlle a vida á cidadanía. Isto, que é unha obriga sempre, resulta aínda máis necesario nestes últimos meses, nos que as medidas de loita contra a pandemia impuxeron cambios e restricións no ritmo da nosa vida diaria», subliñou o presidente.

«Pagar impostos, contribuír entre todos e todas ó sustento do que é de todos, é unha característica das democracias. Porque dese pago que facemos xorden os fondos para soster os servizos públicos que precisamos. Convén que o lembremos tamén nos momentos de situación económica complicada, e penso que este convenio, ó facilitar e simplificar o proceso, axúdanos a ter presente a súa importancia», sinalou Tomé.

Pola súa banda, o director de Banca Institucional de Abanca, Santiago Novoa, trasladou a satisfacción da entidade financeira «por poder axudar aos veciños con estes trámites, facilitando a súa xestión de xeito sinxelo, flexible e cómodo, ao poñer á súa disposición todas as nosas capacidades comerciais e canles dixitais para que poidan cumprir coas súas obrigas tributarias locais en calquera momento e desde calquera lugar».

Ademais, dixeo, «a renovación deste acordo é un exemplo máis do compromiso de Abanca coa provincia de Lugo e da estreita liña de colaboración que mantemos coa Deputación Provincial, con distintas iniciativas conxuntas en marcha, entre as que destaca o Plan Reactivación Lugo». 

Abanca colaborará a través da súa rede de sucursais, caixeiros automáticos, banca electrónica e móbil ou outros canles na recadación dos impostos dos concellos da provincia que teñen delegado esta tramitación na institución provincial. O convenio presta especial atención, non só á comodidade e a facilidade para o usuario, senón tamén cara a súa seguridade dixital, para garantir que os seus datos son tratados coa confidencialidade e a profesionalidade axeitada.