Arenal, Concepción


Sendo nena, coñecín o primeiro e humilde xérmolo das perfumerías Arenal, ubicado nas entón chamadas Galerías do 18 de xullo, nome que logo sería substituído polo de Camiño Real. Ao saír do colexio, camiñaba por esa rúa ata a autoescola na que traballaba meu pai, pegada á diminuta perfumería, onde me agasallaban decote cunhas mostras de xel que aínda hoxe merco polo seu recendo a infancia. Daquela, 18 de xullo ou Arenal eran para min só nomes e ignoraba o que significaban; evocaban, en todo caso, unha estampa de verán, de día soleado na praia, que se fundía cos cheiros da perfumería. Poida que fose só o azar o que fixo que entre aquela encrucillada toponímica do rueiro lucense as perfumerías levasen o nome de Arenal e non o do 18 de xullo; mais neste ano, no que celebramos 200 anos do nacemento de Concepción Arenal e estamos a piques de recibir unha lei de Memoria Democrática, só podemos agradecer que o nome que Lugo espallou por toda a xeografía galega fose o dunha muller digna de ser lembrada, amante do saber e da xustiza, visitadora de prisións e loitadora contra a pena de morte. Cantas encrucilladas históricas e simbólicas nunha simple confluencia de camiños da nosa xeografía urbana: Concepción Arenal atravesada polo 18 de xullo! Estamos de aniversario. Hai dous séculos que naceu unha muller ousada que abriu o camiño das mulleres á universidade, unha muller que se solapou con outras figuras senlleiras como Emilia Pardo Bazán, Juana de Vega ou Rosalía de Castro, formando unha constelación admirable nun intre no que ser muller e lúcida constituía unha pesada carga. Agora que a loita pola igualdade continúa e quedou atrás o 18 de xullo, temos con elas unha débeda de memoria. Cómpre non deixarmos pasar este 2020 sen un recoñecemento a Concepción Arenal: autora, intelectual, valente.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
10 votos
Comentarios

Arenal, Concepción