«Para falar das pallozas de Piornedo hai que falar do futuro de Os Ancares»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

Íñigo Mouzo é historiador de arte
Íñigo Mouzo é historiador de arte ANA GARCIA

Íñigo Mouzo explica que esta é unha arquitectura ligada ao medio natural

15 sep 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Para falar das pallozas de Piornedo é necesario reflexionar sobre o futuro de Os Ancares, unha zona da provincia de Lugo especialmente azoutada polo despoboamento. Esta é unha das reflexións transcendentais que fai Íñigo Mouzo Riobó, historiador da arte que tamén fixo un mestrado en Renovación Urbana e Rehabilitación pola Universidade de Santiago de Compostela (USC). Ademais, é redactor do xornal Historia de Galicia.

—As pallozas de Piornedo estanse cubrindo de chapa, ou caendo.

—E temos que pensar en cara a onde vai o patrimonio das pallozas e en como podemos conservalas se é que temos intención de facelo. Teríamos que saber tamén que é o que queren as administracións.

—E que deben ter en conta as administracións?

—É importante reflexionar sobre por que as pallozas son un patrimonio importante. Iso é o primeiro.

—E cal é a resposta a esa cuestión?

—Disto poderíase falar moitísimo. Este é un patrimonio que non só e importante para Galicia. Tamén o é para toda a cultura europea. En todo o mundo hai lugares nos que a arquitectura con teitos vexetais é un patrimonio moi importante.

—Fálenos das pallozas de Piornedo.

—En Galicia temos un conxunto que dentro dese tipo de arquitectura do que falaba ten moitas singularidades. É redonda con base cilíndrica e cunha cuberta cónica. As arquitecturas con base circular son moi raras no mundo.

—Agora xa non hai construcións circulares...

—No sur de Europa tivemos a chegada do Imperio Romano que nos ensinou a construír de xeito cadrado e con pedra. No medio dese contexto, as pallozas sobreviviron. E por sorte, tamén o fixeron en Galicia.

—As pallozas son moitas cousas a un tempo.

—En Galicia as pallozas inclúen no seu interior toda a vida da labranza. Serviron de vivenda e de almacén, e tamén acolleron aos animais. Son unha evolución ligada ao medio.

—Son unha ventá ao pasado.

—O máis interesante das pallozas é que son unha mostra de como unha determinada cultura nunha comarca moi determinada como son Os Ancares se soubo adaptar ao medio, buscando a forma de vivir nun entorno tan difícil como as montañas, onde vai moito frío e neva cada inverno. As pallozas falan da relación entre o home e o medio na montaña lucense.

—A cuestión é como sobreviven...

—En Piornedo, sobreviven por iniciativas persoais, pero temos que reflexionar sobre o que vai pasar no futuro ca comarca de Os Ancares antes de falar do futuro das pallozas.

—Fai falla vontade.

—Por suposto. Creo na urxencia de que as administracións se impliquen coa reconstrución de Piornedo. Non pode entender as pallozas sen Os Ancares nin a montaña lucense sen estas construcións.

«Primeiro habería que conseguir que haxa xente vivindo na montaña lucense»

Mouzo ten escrito moito sobre as pallozas dende o seu punto de vista como historiador, pero tamén ten estado en Piornedo e falado ca xente que vive aló todo o ano. Coñece a desesperación de moitos veciños que ven como as pallozas ceden ao paso do tempo e cuxos teitos caen día si e día tamén. Algúns, cansos de ver como a solución era inabarcable polo alto custo que ten teitar estas construcións, decidiu poñer chapa ou plástico sobre a cuberta para evitar así que os muros cederan e as pallozas caeran.

Por isto que estamos a contar, Mouzo perfila que a supervivencia das pallozas depende do último medio século. O futuro da comarca está en xogo e «tamén as administracións deben pensar en como vai ser a vida nalgunhas zonas de Galicia como Piornedo», explica este historiador. «Os Ancares é unha das zonas naturais máis importantes de Galicia, pero non se plantexaron alternativas para este lugar», engade.

A relación ca paisaxe

Quizais, tal e como indica o historiador, é primordial pensar na relación que teñen as pallozas ca paisaxe e ca estrutura do territorio. Fixar poboación en zonas que comezan a diluírse no mapa é unha das urxencias actuais e, de chegaren novos habitantes, «hai que reflexionar sobre como van vivir, e pensar en cal é a relación que van ter esas persoas cos modos de vida qda montaña», engade Mouzo, que ten claro que pallozas como as de Piornedo son únicas no mundo, e merecen ser tratadas como tales.