Un camiño de superheroes que conduce ata a escola

Lorena García Calvo
lorena garcía calvo LUGO / LA VOZ

LUGO

Os símbolos dos superheroes marcan a distancia social na entrada do colexio Rosalía
Os símbolos dos superheroes marcan a distancia social na entrada do colexio Rosalía ALBERTO LÓPEZ

O colexio Rosalía buscou fórmulas para inculcar aos nenos as normas sanitarias

10 sep 2020 . Actualizado a las 20:27 h.

Organización. Esa é a palabra que define a volta á escola nos tempos de pandemia. O coronavirus rachou coa clásica estampa de corrillos e apertas no retorno aos colexios e incluíu na escena tapabocas, botes de xel hidroalcohólico e orde. Moita orde. Sábeo ben Loli Freire, directora do colexio lucense Rosalía de Castro, que xunto ao equipo directivo pasou semanas buscando o xeito de converter en territorio seguro unha escola con 370 nenos e 28 docentes. Polo de pronto, cando se lle pregunta pola marcha do primeiro día, di con voz sorrinte «Sobrevivimos!». E xa non é pouco.

O primeiro día foi como un gran ensaio xeral -esgotador física e sobre todo mentalmente para o profesorado- no que cada proceso resultaba longo e laborioso. Dende os accesos milimetrados e separados ás aulas ata o protocolo de lavado de mans ou a distancia social. Inculcarlle a un neno de tres anos que debe estar separado doutro non é tarefa sinxela, así que no Rosalía recorreron aos cómics. Colocaron no chan adhesivos con escudos de superheroes dende o patio ata a porta de entrada do centro nos que cada pequeno debe gardar fila antes de entrar. E funcionou. Igual que a orde escrupulosa de acceso ao centro para evitar cruces nos corredores, ou a distribución do recreo.

 

Imagen de una de las aulas del colegio Rosalía de Castro
Imagen de una de las aulas del colegio Rosalía de Castro ALBERTO LÓPEZ

Volveron as risas

Os recreos multitudinarios pasaron á historia, pero iso non quere dicir que a diversión tamén. «Ademais de repartir aos nenos en dúas quendas, dividimos o patio en dous. Cando os nenos saíron por primeira vez a imaxe era curiosa, porque non sabían que facer. Nós dixémoslles que podían correr sempre que non cruzasen a liña da súa zona, e aí foi cando volveron as risas e as carreiras. Oír de novo esas risas foi moi gratificante», desvela Loli.

Nas aulas do Rosalía, cada pupitre ten un adhesivo co nome do alumno e os botes de hidroalcohol abundan. «Na entrada temos dispensadores automáticos e moitos nenos retiraban as mans antes de que caese o xel, tiñas que estar pendente», conta a directora a modo de anécdota. E algo semellante sucedía cos máis pequenos á hora de asear as mans no lavabo.

«É importante que aprendan como lavar as mans correctamente, e explicámoslles iso. O problema é que na planta de abaixo só dispoñemos de tres aseos, e son 50 alumnos por curso», co que unha tarefa tan aparentemente simple acabou converténdose case en eterna. E así, con practicamente todo.

Unha volta aos contidos

Todos as rutinas hixiénicas e sanitarias cobraron protagonismo na volta ao cole, e Loli é das que aposta por que tamén teñan repercusión nos contidos lectivos. «É necesario que os nenos tomen conciencia do que están a vivir, así que un xeito de facelo é traballar con temas como que son os virus, ou ensinarlles cuestións tan sinxelas e tan importantes como poden ser que non é preciso saudarse cun abrazo, que podes facelo como un xaponés ou un indio». Pequenas leccións do máis oportuno.

Na xornada da volta ao cole, practicamente a totalidade dos nenos convocados acudiu á escola, a proba, entende a directora do Rosalía, de que «os pais confían en que os mestres somos capaces de coidar deles». Isto é importante para eles, pero tamén demandan que se valore o seu traballo. «Que a xente teña claro que isto sae adiante polo esforzo dos profesores», defende. De aí que tamén reivindique máis preocupación polos docentes, mulleres e homes que en moitos casos tamén sofren patoloxías e que teñen familias máis aló das portas da escola. Unhas portas que esperan non ter que pechar ata as vindeiras vacacións.