Comezan este luns burbullas creativas e culturais da USC en Lugo

Suso Varela Pérez
suso varela LUGO / LAVOZ

LUGO

A actriz Cris Collazo estará o día 14
A actriz Cris Collazo estará o día 14 miguel souto

Arrica cun concerto ás 20.30 horas na Casa do Saber a cargo do Dúo Schola,

06 sep 2020 . Actualizado a las 17:38 h.

A USC aposta polas burbullas creativas, espectáculos de temática diversa e aforo reducido, para sortear sen riscos as limitacións derivadas da pandemia causada pola covid-19 e dar continuidade así á ampla oferta de actividades culturais que, ano tras ano, achega á sociedade luguesa da man do convenio Lugo Cultural, no que a institución académica participa xunto co Concello e a Deputación de Lugo.

As burbullas do Lugo Cultural terán periodicidade mensual e posibilitará, en función do tipo de espectáculo previsto, o aproveitamento de diversos espazos do campus e da cidade de Lugo como escenarios culturais axeitados para acubillar concertos ao vivo de música de cámara e outros estilos, monólogos, performances, creacións escénicas e seminarios monográficos de análise e debate. O programa da burbulla de setembro arranca o luns día 7 e inclúe actuacións todos os luns e xoves ata o día 28.

O Dúo Schola, integrado por Enrique Lapza ao piano e David Martín Gutiérrez, no violonchelo, abren o luns 7, ás 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber, a primeira burbulla do Lugo Cultural. A formación luguesa de música electrónica Telémaco, presentará o xoves 10, ás 21.00 horas, no Vello Cárcere, o seu último traballo, «LUME».

A actriz Cris Collazo ofrecerá o luns 14, a partir das 20.30 horas, no auditorio da Casa do Saber, o monólogo cómico «María Pita. Conversas cunha heroína». Este mesmo escenario universitario acollerá o 17 de setembro, ás 21.00 horas, a creación escénica «Sofía Unipersonal», a cargo da actriz Marta Pérez, de Inversa Teatro.

Helena Salgueiro será a creadora protagonista o 21 de setembro, cando presentará, ás 20.30 horas, na Casa do Saber, a intervención «Ferro, Federeci». A monologuista luguesa Carmen Conde subirá o xoves 24, ás 21.00 horas, ao mesmo escenario para ofrecer ao público «Tanto conta, conta tanto».

As sesións de análise e debate atopan tamén un oco na programación coa celebración do curso de primavera «A intervención romana nas comunidades indíxenas», un programa dirixido pola profesora Dolores Dopico que se desenvolverá o 23 de setembro con sesións presenciais nas dependencias da Vicerreitoría de Lugo, e terá continuidade ao día seguinte con sesións en liña. Xa como colofón, a música de guitarra de Luis Alejandro García pechará o día 28 cun concerto de cámara que se desenvolverá a partir das 20.30 horas na Casa do Saber.

Limitación de aforo

As distintas actividades culturais son de carácter gratuíto para o público interesado, aínda que o aforo estará limitado a un máximo de 30 persoas para cada espectáculo ou intervención escénica. Daquela, o público interesado poderá retirar un día antes de cada evento os convites na Oficina de Cultura do Campus de Lugo da Vicerreitoría de Coordinación de Lugo en horario de 10.00 a 13.30 horas. Cada persoa solicitante, que deberá facilitar a súa identificación, poderá retirar un máximo de dúas entradas.

As persoas interesadas en asistir ao concerto de cámara programado para a tardiña do 7 de setembro poderán recoller os convites o mesmo luns no horario matinal xa indicado. O uso da máscara é obrigado en todas as sesións.