Retomando e avanzando

Guido Álvarez

LUGO

Tramo de A Mosqueira que será peonil
Tramo de A Mosqueira que será peonil ALBERTO LÓPEZ

03 sep 2020 . Actualizado a las 19:59 h.

Hoxe os lucenses celebramos unha noticia histórica: semella que o proceso de peonalización do centro histórico e roldas —exterior e interior— da Muralla comezado a finais dos anos 90 vivirá nos vindeiros meses un dos seus fitos máis agardados: a peonalización, e polo visto bastante verde —algo moi demandado sobre todo nos últimos tempos— dunha das áreas máis emblemáticas da nosa cidade.

É tamén festexable o feito de que xa sexan tres partidos os que participaron e participan, dende gobernos municipais, deste proceso fundamental para a cidade: abriu a senda o de Joaquín García Díez (PP), colléronlle o relevo os de José López Orozco e Lara Méndez (PSOE) e agora únese o equipo de Rubén Arroxo (BNG) con ese novo e aplaudido extra que supón a aposta polos espazos axardinados e arborados.

Proximamente teremos, á altura do que merece, un espazo simbólico e privilexiado para os nosos festivais e festas populares, para celebrar os triunfos dos nosos equipos deportivos, para eventos varios... e sobre todo para o goce diario de residentes na cidade e viaxeiros.

Despois do aplauso toca a crítica e o reto para eles —administracións— e tamén para todos nós: canto tardaremos en facer realidade o seguinte tramo? Cando poñeremos en valor —e in situ— os restos arqueolóxicos que saen á luz mes si e mes tamén na nosa cidade? Para cando un barrio histórico coma O Carme coidado, como mínimo, igual de ben que o Parque Rosalía de Castro? Para cando a peonalización e recuperación da Calzada Romana?

Non esquezamos que o patrimonio e a beleza son goce, son felicidade, pero tamén economía —algo que precisamos para non ter que emigrar— e non só turística: Lugo ben pode aspirar a converterse nun centro de investigación arqueolóxica a nivel mundial... Só temos que convencernos diso.