A Deputación de Lugo inviste na mellora das estradas provinciais 1,5 millóns de euros

la voz LUGO

LUGO

José Tomé, presidente da Deputación, xunto a Maite Ferreiro e Pilar García Porto.
José Tomé, presidente da Deputación, xunto a Maite Ferreiro e Pilar García Porto.

O presidente anunciou reparacións de firmes e instalacións de marquesiñas en oito concellos lucenses

28 ago 2020 . Actualizado a las 18:27 h.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este venres investimentos na rede viaria provincial por máis de 1,5 millóns de euros. O socialista explicou que a xunta de goberno sacou adiante licitacións e actuacións concretas en ata nove estradas provinciais, situadas nos concellos de Vilalba, Lugo, A Pastoriza, Mondoñedo, Carballedo, Xermade, Chantada e A Fonsagrada. Así mesmo, aprobouse tamén o proceso para contratar o subministro e a instalación de 82 novas marquesiñas.

O mandatario provincial, que estivo acompañado pola vicepresidenta, Maite Ferreiro, e pola voceira do executivo, Pilar García Porto, explicou en rolda de prensa que a sesión do goberno celebrada este último venres de agosto aprobou investimentos que en total superan os 2 millóns de euros. «Uns recursos económicos que mobilizamos dende a Deputación para mellorar os servizos públicos dos concellos e dos veciños e veciñas, para apoiar o tecido asociativo da provincia, pero que, ao mesmo tempo, serven para dinamizar a actividade económica, os sectores produtivos e o mantemento do emprego, algo especialmente importante neste contexto de crise económica provocada pola pandemia», subliñou.

As intervencións consistirán, esencialmente, en rehabilitacións do firme, coa reapertura e limpeza de cunetas que iso implica; pavimentación, co estendido dunha capa de mestura bituminosa en quente sobre o chan existente, que dotará á calzada de maior regularidade e aumentará tamén a súa capacidade estrutural; e sinalización horizontal mediante o pintado de marcas viarias reflexivas brancas. 

Novas marquesiñas

Con respecto ás marquesiñas, a institución provincial aprobou un programa no que investirá 200.000 euros para dotar de 82 habitáculos novos as estradas dos 67 concellos lucenses. A idea é colocar, como mínimo, unha nova marquesiña en cada unha das localidades, e repartir as restantes «en función de criterios obxectivos, como o número de quilómetros de vías provinciais que pasan por cada municipio».