Os segredos da tecedura, en vivo e en directo desde Lugo

Laura López LUGO / LA VOZ

LUGO

Miriam Otero, no proxecto  Tecer para crer
Miriam Otero, no proxecto Tecer para crer

Confección de redes, tapiz gobelino ou encaixe de blonda son algunhas das técnicas que amosan as artesás lucenses no proxecto «Tecer para crer», na Capela de Santa María

22 ago 2020 . Actualizado a las 17:50 h.

Os segredos da tecedura, ese oficio artesanal tan arraigado na provincia e ligado ás mulleres, quedan ao descuberto en Lugo grazas ao proxecto Tecer para crer, impulsado polo Centro de Artesanía e Deseño (Centrad). Esta iniciativa inclúe unha exposición, Tecer para crer, na Capela de Santa María, e demostracións de técnicas de tecido, a cargo de seis artesás, que terán lugar tamén na Capela de Santa María.

As demostracións levaranse a cabo ata o día 9, e correrán a cargo de Miriam Otero, Xosefina Sedes, Lourdes Otero, Idoia Cuesta, Milagros Vázquez e María Jesús Alonso. Todas elas amosarán o seu oficio ás persoas interesadas en coñecer técnicas como o tecido de nós, o tapiz gobelino, o encaixe de blonda ou a confección de redes de pesca e o manexo de aparellos tradicionais como o tear de baixo lizo.

O desenvolvemento das actividades está condicionado polas medidas de prevención adoptadas para evitar o espallamento do covid-19. Así, as artesás farán as demostracións e darán as explicacións correspondentes mantendo a distancia interpersoal co público.

Reserva previa

As persoas interesadas en asistir deben comunicalo previamente a través do teléfono 982 210 066 (de 9.00 a 14.00 horas) ou do correo electrónico info.centrad@deputacionlugo.org.

As demostracións forman parte das actividades artelladas arredor da exposición Tecer para crer, que reúne na Capela de Santa María unha mostra de colchas, mantas, tapices e outros pezas téxtiles confeccionadas por mulleres pioneiras nos oficios do tecido na provincia. A exposición seguirá aberta ata finais de setembro.