Cando a música conquista os cinco sentidos

Os artistas Dr. Think e Mike Rolling presentan o día 10 no Vello Cárcere o seu último traballo, «Lume», de electrónica experimental

Os concertos de Telémaco, que naceu hai dúas décadas, teñen sempre unha gran dose de improvisación
Os concertos de Telémaco, que naceu hai dúas décadas, teñen sempre unha gran dose de improvisación

Lugo / La Voz

Aire, Terra, Auga... e agora, Lume. Así pecha Telémaco a súa cuatriloxía dedicada aos elementos. Un proxecto que entra polos cinco sentidos, combinando música con proxeccións audiovisuais e unha coidada posta en escena. De dar vida a esta aposta pola electrónica experimental audiovisual encárganse os lucenses Álvaro Pardo (DJ Dr. Think) e o multiinstrumentista Miguel Martínez (Mike Rolling), que levan dúas décadas indo máis aló das fronteiras da música con Telémaco.

O xoves 10 de setembro presentarán Lume no Vello Cárcere de Lugo, nun espectáculo que promete non ser un concerto típico. De feito, ningún dos que ofrece Telémaco o é; de aí que as súas actuacións sexan tamén en escenarios menos habituais para os concertos, como museos, teatros, acuarios ou, neste caso, O Vello Cárcere. A actuación enmárcase no programa Xoves de Moda, do Lugo Cultural, impulsado pola USC, Deputación e Concello.

No confinamento

O cedé mesturado Lume foi artellado en pleno confinamento, con teletraballo: «Sempre quixemos rematar a cuatriloxía, e aproveitamos eses meses. Levámolo ben, a nós non nos fai falta confinamento para volvernos tolos», bromea Dr. Think. O Lume chega ao público a través da música electrónica, pero tamén a través instrumentos analóxicos, tradicionais, xoguetes infantís e imaxes, que van formando verdadeiros mapas e paisaxes sonoras.

Tamén empregan nas composicións sampleos do cine (cedidos por Óliver Laxe e Xavier Font, director e productor da premiada película O que arde), voces e frases de filmes, o propio son do lume... Todo iso completado coa caracterización dos músicos e altas doses de improvisación, o que fan de cada concerto unha experiencia única e irrepetible.

Colaboracións de artistas

O traballo de Telémaco combina a música experimental co mundo audiovisual e cinematográfico. Ademais, incorporan temas cedidos por outros artistas, para mesturalos, e composicións propias. Contan a maiores con Narci Rodríguez como beatboxer e con Arturo Vaquero como técnico. Os artistas que cederon temas para este traballo son, entre outros, Gran Purismo, DJ KOO, We all love porn, Yugen Kala, Biyi, La sombra del humo ou P. Leyenda.

Os espectáculos de Telémaco implican un gran traballo previo de investigación, debido á cantidade de aparellos e sons que incorporan: «Ademais, temos unha premisa: todo instrumento que levemos a un concerto ten que tocarse... Nalgunha ocasión temos traballado ata con vexetais», continúa Dr. Think.

Ademais da actuación do 10 de setembro, o 3 de outubro estarán no Festival Modularte, no Aquarium da Coruña. Alí presentarán Lume, pero cun espectáculo adaptado ao festival, cun traballo baseado en sintetizadores modulares.

Coa presentación de Lume, rematan a cuatriloxía: «Cerramos así un ciclo, ou abrimos outro, nunca se sabe», continúa Dr. Think.

O disco «Auga» sae á venda cun formato novo en cofres orixinais

Ademais da presentación do último traballo, Lume, a xornada do 10 de setembro servirá tamén para poñer á venda o novo formato de Auga, a terceira parte da cuatriloxía. Ata o momento estaba só dispoñible en YouTube, pero agora sae tamén en formato físico, nuns orixinais cofres cheos de sorpresas e cunha edición limitada.

Telémaco comezou a súa traxectoria hai dúas décadas, e publicou o seu primeiro disco no 2005. Despois de sacar ao mercado os seus dous primeiros cedés mesturados, Outótono-Aire e Terra, da colección dedicada aos elementeos, e máis de media ducia de participacións en discos conxuntos e varias edicións dixitais, presentan Lume, editan en formato físico Auga, e tamén o seu primeiro EP editado en vinilo, e titulado Despois do silencio.

Conoce toda nuestra oferta de newsletters

Hemos creado para ti una selección de contenidos para que los recibas cómodamente en tu correo electrónico. Descubre nuestro nuevo servicio.

Votación
4 votos
Comentarios

Cando a música conquista os cinco sentidos