O PP pregunta pola prometida rotonda da N-VI con Alfonso X

la voz LUGO

LUGO

Os concelleiros do PP Manuel López e Antonio Ameijide xunto ao lugar onde se construirá unha rotonda na N-VI
Os concelleiros do PP Manuel López e Antonio Ameijide xunto ao lugar onde se construirá unha rotonda na N-VI CEDIDA

Culpa a alcaldesa de frear a cesion dos terreos para eliminar «un punto negro da cidade»

21 ago 2020 . Actualizado a las 12:49 h.

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo Antonio Ameijide lamenta que un ano máis Lugo siga sen contar coa tan demandada rotonda na unión de Alfonso X coa N-VI, un dos puntos negros da cidade. 

Unha situación que semella xa non estrañar aos lucenses, acostumados a ver como a inacción de Lara Méndez fai que proxectos moi necesarios para a cidade queden no esquecemento. 

Antonio Ameijde recorda que o 3 de novembro de 2016, o Ministerio de Fomento, aínda cun ministro do Partido Popular a fronte, solicitou a cesión dos terreos necesarios para a execución do proxecto, «solicitude que se remitiu tanto ao Concello como á Deputación». Unha solicitude á que a Deputación si que respostou con dilixencia, sinalan desde o PP, xa que demostraron vontade por poñer fin a este punto negro para a circulación en Lugo e rapidamente puxeron eses terreos a disposición.

«Pese a que xa hai anos desta petición, aínda non sabemos se Lara Méndez puxo estes terreos a disposición de Fomento, xa que pese a que a rexedora asegurar en xullo de 2017 que dera luz verde para entregar este terreos, pero a realidade amosa que aínda non se confirmou este extremo, xa que a comezos deste ano, Fomento aínda non recibira a cesión dos mesmos».  

O concelleiro popular non entende o «boicot» de Lara Méndez a este e outros proxectos que outras administracións queren desenvolver na nosa cidade, a pesar de que todos eles son necesarios. Sinala o popular que cando o PSOE está a fronte «todo son boas palabras, pero a realidade amosa como os socialistas seguen sen cumprir con Lugo». 

O Ministerio de Fomento xa comezou a traballar nesta infraestrutura baixo o mandato dun goberno do Partido Popular, «sempre coa esixencia de Lara Méndez de que se lle dera axilidade a este proxecto porque era prioritario para Lugo. Agora vemos como son os propios socialistas os que frean a construción desta rotonda, non sabemos baixo que intereses».