Tres poetas galegos imprescindibles con La Voz de Galicia

la voz LUGO

LUGO

Os tres libros que ofrece La Voz de Galicia nas tres edicións de Lugo desde este domingo
Os tres libros que ofrece La Voz de Galicia nas tres edicións de Lugo desde este domingo ALBERTO LÓPEZ

O domingo 16 pódese conseguir a cartilla para ter os libros sobre Varela, María e Pereiro

13 ago 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

Tres dos autores recoñecidos co Días das Letras Galegas no que levamos de século son lucenses: Manuel María, Lorenzo Varela e Lois Pereiro. Tres poetas con traxectorias literarias moi dispares e con estilos ben diferenciados pero cuxas obras están moi unidas a Galicia.

La Voz de Galicia nas edicións de Lugo, Monforte e A Mariña recupera tres libros que foron editados cando os autores recibiron a homenaxe das Letras Galegas. Así, o domingo 16 de agosto publicarase a cartilla para logo completar os cinco cupóns, que se poderán conseguir desde o luns 17 ao venres 21, mentres que o sábado 22 publicarase un cupón de comodín, e logo pagar 69,95 euros.

As obras que se poñen á disposición dos lectores da provincia de Lugo son Memorias incompletas, escrito no 2005 por Fernando Salgado sobre a figura do monterrosino Lorenzo Varela. Tamén se ofrece Lois Pereiro en 17 voces, editado no 2011. E o terceiro volume é do 2016, Palabra viva de amor e afirmación, unha antoloxía poética dedicada ao chairego Manuel María, e que conta cunha biografía de Mercedes Queixas Zas.

Trátase dunha oportunidade para que os lucenses garden na súa biblioteca os imprescindibles das nosas letras e para que os visitantes ou galegos que viven fóra podan conseguir un bo recordo e levar a Galicia e á súa literatura ás súas casas. 

Lorenzo Varela

A figura do monterrosino Lorenzo Varela -autor dunha obra en galego cativa e cativante, como define Fernando Salgado no libro que entrega La Voz- preséntase envolta na brétema do misterio. Salgado o define como un home modesto e hiper autocrítico, capaz de rachar media ducia de orixinais, e que nos últimos anos da súa vida se negou a reeditar a súa poesía e apenas quería falar sobre si mesmo.

Por este motivo, a edición deste libro que ofrece La Voz de Galicia na provincia de Lugo supón unha gran oportunidade para achegarse á figura dun poeta tan enigmático. 

Manuel María

Manuel María é unha das figuras máis populares da literatura galega contemporánea. Quizais a ascendencia labrega do autor chairego conectaba perfectamente co sentir de miles de galegos da posguerra. A súa traxectoria literaria abrangue máis de medio século, no que asina máis dun cento de obras, a maioría de corte poético, pero tamén con pezas de teatro, obras narrativas, ensaios e prosa xornalística. Sen esquecer a súa faceta literaria enfocada aos máis cativos ou que algúns dos seus versos foron inspiración para destacados cantautores e grupos galegos.

O conxunto da súa monumental obra, así como a implicación social e política nos seus diferentes ciclos vitais converten a Manuel María no referente intelectual galego da segunda metade do século XX. 

Lois Pereiro

O monfortino Lois Pereiro marchou a estudar a Madrid con 17 anos e alí puxo en marcha con outros intelectuais galegos da época a revista Loia, na que deu a coñecer os seus primeiros poemas, formando parte así dun dos grupos de maior renovación cultural da segunda metade dos 70.

O libro editado por La Voz de Galicia recolle poemas de Lois Pereiro e textos de 17 escritores galegos, que glosan a figura do poeta monfortino: Lino Braxe, César Casal, Arturo Casas, Salvador García Bodaño, Lupe Gómez, Julián Hernández, Margarita Ledo, Miguel Mato, Pilar Pallarés, Antón Patiño, Xosé Manuel Pereiro, Mercedes Queixas Zas, Antón Reixa, Manuel Rivas, Cesáreo Sánchez, Xavier Seoane e Eva Veiga.