Os senadores do PP piden a ADIF que explique o retraso na reapertura da liña León-Monforte

La Voz LUGO

LUGO

Andén de la estación de tren de Monforte
Andén de la estación de tren de Monforte ROI FERNÁNDEZ

Un tren de mercancías descarrilou o 28 de xullo entre as localidades ourensáns de Sobradelo de Valdeorras e Quereño

04 ago 2020 . Actualizado a las 13:59 h.

Os senadores populares lucenses piden explicacións a ADIF sobre o retraso na reapertura das liñas de ferrocarril afectadas polo descarrilamento entre as localidades ourensáns de Sobradelo de Valdeorras e Quereño o pasado martes 28 de xullo dun tren de mercancías que comunicaba Monforte de Lemos coa fábrica de cementos Cosmos en León. Os representantes do PP aseguran que é «un novo castigo para Monforte de Lemos» e lamentan que «coa escusa da pandemia viu reducido nun 80% os servizos ferroviarios que facían escala na estación local».

Os populares explican que o propio administrador de infraestruturas ferroviarias prevía restablecer o tráfico ferroviario en dous ou tres días trala retirada dos vagóns das vías, pero o pasado día 2 anunciou que o servizo non sería restablecido ata o día 17 -case tres semanas despois- alegando dificultades nos labores técnicos de retirada dos vagóns que poderían derivar na caída dalgúns ao río Sil.

Os representantes do PP lucense presentaron, neste sentido, varias preguntas ante a Cámara Alta para esixir a ADIF xustificación polo retraso da apertura das vías «cando a propia compañía podería ter vertido sobre o río Sil algúns vagóns descarrilados». Recordan que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil abriu unha investigación por estes feitos que atentan contra o medio ambiente e que foron descubertos grazas aos vídeos difundidos en redes sociais a través dunha conta ecoloxista.

Os populares inciden en que «por causa deste corte, durante case tres semanas no mes de agosto, en plena temporada estival, os pasaxeiros que viaxen entre Barcelona e A Coruña terán que circular por estrada entre Ponferrada e A Rúa, e os que viaxen a Vigo, entre Ponferrada e Ourense tamén terán que facer uso da estrada». «É evidente, polo tanto, que este feito dificulta as comunicacións e desincentiva o turismo nunha época na que se deberían facilitar ao máximo as condicións de acceso ao noso territorio», conclúen.