«O meu obxectivo era levar Galicia e a nosa cultura polo mundo adiante»

VÍCTOR LÓPEZ / M.C. LUGO/ LA VOZ

LUGO

David Vilares durante a súa actuación na proba de talentos do certame
David Vilares durante a súa actuación na proba de talentos do certame LM GÓMEZ POZO

David Vilares, que representou a Lugo en Míster International España 2020, gañou a proba de talento cantando en galego e tocando a pandeireta

28 jul 2020 . Actualizado a las 11:34 h.

Esta semana celebrouse en Castellón o mítico certame Míster International España 2020. David Vilares, un mozo de Cadoalla (Becerreá) que acaba de cumprir 24 anos, foi o candidato escollido para representar á provincia de Lugo no concurso. Fíxoo case de casualidade, xa que el non se presentou ás probas, senón que a axencia de modelos coa que traballa chamouno un día e soltoulle: «es Míster Lugo».

David, que estudou Socioloxía na Universidade da Coruña, aceptou participar, xa que viu na gala «o trampolín perfecto» para realzar a súa carreira artística no terreo audiovisual. Resulta que o lucense, ademais de exercer como modelo, leva anos rabuñando o seu oco no mundo da dobraxe e da interpretación. O sentido do humor e a estima que mostra pola súa terra, xunto á súa destreza sobre as táboas, convertéronse agora nos seus grandes aliados.

David marchou de Lugo tenso, cunha mochila cargada de responsabilidades e «pensando que caería na primeira rolda». Agora está de volta, apenas tivo tempo para botar unha soneca pero regresa á casa co título de vencedor na proba de talento e cun posto ben digno na gran final, onde quedou entre os vinte primeiros clasificados.

Sempre tivo claro cal sería o seu distintivo, a súa marca particular: «representar a Galicia». No desfile, luciu un traxe rexional da firma Traxandaina, unha réplica dun anterior que lucira o gaiteiro coñecido como «O Cafú» nunha Feira do Traxe celebrada en Madrid a comezos do século XX. A indumentaria tradicional galega fixo que se colase entre os cinco primeiros da demostración. Na proba de talentos optou por cantar en directo música galega e tocar a pandeireta. Spoiler: quedou primeiro e recibiu a ovación do público máis sólida da noite.

Facendo historia

«Isto vai por Galicia», comezou dicindo cando subiu ao escenario, antes de converterse no primeiro participante da historia do certame que canta a capella en pleno directo. Coincidía precisamente co 25 de xullo, día da comunidade galega, e decidiu entoar a letra de Torna os Bois para acto seguido tocar coa pandeireta un tema típico da súa comarca: Xota e Muiñeira de Cela.

O público gardou un silencio sepulcral mentres actuou, que concluíu cun estrepitoso aplauso e con algunha que outra bágoa. «O meu obxectivo era levar Galicia e a cultura galega polo mundo adiante, que para min sempre foron motivo de orgullo», apunta un satisfeito David, que despois de obter a primeira posición na proba, pódese dicir que conseguiu con creces o seu cometido.

Entre os 20 primeiros

«Fun buscando cobre e trouxen ouro de volta». Así resume David Vilares o seu paso polo certame, xa que grazas aos resultados logrados nestas dúas probas conseguiu un pase directo para a final e quedou entre os 20 primeiros clasificados de todo o concurso. Agora, este embaixador da cultura galega só pensa en descansar e «seguir medrando como actor», unha profesión á que leva anos dedicando o seu tempo.