Día de Galicia: unha festividade estraña e apoucada pola pandemia

La Voz LUGO

LUGO

OSCAR CELA

Santiago de Castelo viviu unha xornada contida, pero cunha homenaxe ao seu párroco e ás vítimas do coronavirus

25 jul 2020 . Actualizado a las 20:08 h.

A pandemia marcou un Día de Galicia estraño, con menos festa e menos contacto do que é habitual, pero con citas que non escaparon do esquema clásico, como foron as do nacionalismo, que en Lugo se reuniu na praza Anxo Fernández Gómez. Na parroquia de Santiago de Castelo rendeuse homenaxe ás vítimas do covid-19 e tamén ao párroco, do que se cumpría o quinto aniversario do seu falecemento.

Decenas de persoas achegáronse onte á parroquia lucense de Castelo para participar na misa do Día de Galicia, amenizada polo grupo de música tradicional Os Xílgaros de Lugo. O director desta agrupación, Óscar Pérez, quixo render homenaxe ao párroco que dedicou unha vida enteira a esta parroquia e que despois de medio século vinculado a ela finou no ano 2015. Por ese quinto aniversario do seu falecemento, Pérez decidiu facer xunto aos seus compañeiros unha ofrenda floral. Cando a misa rematou, o grupo interpretou pezas musicais coas que lembrar ás vítimas da pandemia de covid-19. O ambiente invitou máis ao respecto por esas perdas que a festividade coa que se vivía un día coma este en anteriores edicións.

Máscaras

Sen embargo, a obrigatoriedade no uso das máscaras e da distancia de un metro e medio de seguridade respecto a outra xente desluciu a celebración do día grande de Galicia. Así se notou, aínda que en menor medida, na praza Anxo Fernández Gómez, onde o BNG celebrou onte o Día da Patria cunha serie de actos simultáneos nas sete cidades.

Acto do BNG en Lugo polo Dia da Patria
Acto do BNG en Lugo polo Dia da Patria OSCAR CELA

Os nacionalistas decidiron descentralizar o tradicional acto da praza da Quintana de Compostela debido á crise sanitaria, mais a celebración do Día da Patria tivo un carácter especial este ano debido aos resultados conseguidos polo BNG o pasado 12 de xullo, nos que se situou como líder da oposición desprazando ao PSdeG a un terceiro lugar. A xornada contaba co valor simbólico da celebración do 100 aniversario do 25 de xullo como Día Nacional de Galiza.

O acto en Lugo congregou a máis dun cento de persoas para escoitar a Iago Suárez representando a Galiza Nova, xunto co tenente alcalde Rubén Arroxo e a deputada Olalla Rodil. Esta última vinculou o lema da convocatoria, Construíndo unha Nova Galiza, «ao convencemento de que o BNG está chamado a ser o motor do cambio galego e a construír unha nova Galiza pensada nas galegas e galegos» afirmou Olalla Rodil na súa intervención.

O acto rematou coa conexión en directo con Santiago a través dunha pantalla xigante instalada na confluencia da praza coa rúa San Pedro para ver as intervencións de Paulo Ríos, secretario xeral de Galiza Nova, e da Portavoz Nacional do BNG, Ana Pontón.

O mago Lolo quita a espiña

Hoxe?•?20.00 horas •?Praza do Souto, Vilar de Sarria •?Todos os públicos • A cancelación das festas patronais en Sarria deixou a moita veciñanza e tamén a artistas locais con ganas de gozar. Pouco a pouco, o calendario foise enchendo das citas que non puideron ser por mor do covid-19. Ese é o caso do espectáculo que propón o artista Roberto Lolo en Vilar de Sarria, xunto á vella escola e aberto a todos os públicos. O seu desexo é levarlle «maxia e sorrisos» á súa veciñanza para afrontar este período de incerteza pola pandemia. Os interesados en acudir como público deben recordar o uso obrigatorio da máscara.

O Camiño para os cativos

Hoxe?•?19.30 horas •?De balde •?Aceso libre ata completar aforo • Praza da Vila • A Viaxe de Saira é unha proposta teatral na que se conta o periplo dunha nena desde Francia ata Galicia para curar o corazón de pedra. No traxecto no acompáñase dunha gárgola máxica, destinada a figurar na Catedral compostelá. É unha obra multidisciplinar destinada a un público familiar e que conxuga teatro, monicreques, xigantes e música.