O PXOM de Lugo, a un paso de entrar en vigor este mesmo ano

LA VOZ LUGO

LUGO

El concejal de Urbanismo Sostible, Miguel Couto
El concejal de Urbanismo Sostible, Miguel Couto cedida

A súa aprobación definitiva impulsará a capacidade edificatoria na periferia e en 70 núcleos do rural

21 jul 2020 . Actualizado a las 17:34 h.

A entrada en vigor do Plan Xeral de Ordenación Municipal de Lugo chega hoxe á súa fase final. A área de Urbanismo Sostible trasladará este mércores á Xunta de Goberno Local a parte do proxecto de revisión do PXOM, que estaba á espera da documentación técnica resultante do estudo dos mapas de perigosidade e risco de inundación, entregados polo equipo redactor o pasado mes. O seguinte paso será levalo a pleno para sometelo á validación da corporación.

O edil Miguel Couto explicou que o seu obxectivo é «que no pleno deste mesmo mes se valide a documentación que complementa á xa presentada en 2013 para dar solución definitiva ao 5% que ficaba pendente de aprobación».

Así mesmo, quixo destacar a importancia de completar canto antes o Plan, xa que «a súa culminación xerará importantes posibilidades para o crecemento de Lugo dunha forma ordenada e sostible», pois está previsto que permita ultimar o desenvolvemento urbanístico da periferia, ademais «impulsará a capacidade edificatoria nuns 70 núcleos rurais, favorecendo o asentamento poboacional».

O PXOM, paralizado pola Xunta en dúas ocasións

Miguel Couto aproveitou para lembrar que a Xunta deixou esta parte do PXOM en suspenso en dúas ocasións. «A primeira, en 2011, cando deu luz verde ao 95% restante do Plan Xeral, e logo no 2013, cun informe lesivo para os intereses de Lugo». O Concello presentou as modificacións requeridas e os informes emitidos son favorables, polo que a súa entrada en vigor non debería verse obstaculizada.