O coordinador de Xermolos e impulsor de Pardiñas, explica que o festival celebrarase este ano nun novo formato, ao longo do mes de agosto, con actuacións descentralizadas
18 jul 2020 . Actualizado a las 20:49 h.O XLI Festival de Pardiñas celebrarase este ano sorteando os atrancos derivados da crise sanitaria. A Asociación Cultural Xermolos, de Guitiriz, decidiu manter viva a tradición (despois de catro décadas) e organizar a cita cultural nun novo formato, de acordo co seu título de «Feira e Festa da Música e das Artes». Deste xeito, cumprindo as medidas de seguridade vixentes, pero convencidos da necesidade de manter viva a nosa cultura, organizarán actividades nas fines de semana de agosto en distintas parroquias do municipio, descentralizando así as actuacións para evitar aglomeración.
Comezarán o 1 de agosto no Campo da Feira de Parga, coa 27 Mostra de Instrumentos de Música Tradicional, organizada pola Asociación de Gaiteiros Galegos, e rematará o día 30, con actividades musicais nas parroquias do Vilar e Santa Locaia en albergues do Camiño de Santiago. Haberá pequenos concertos de grupos próximos, presentaranse libros relacionados con artesáns, proxectaranse filmes coma María Soliño, Os Irmáns da Lexía, O trobador Martín de Padrozelos e realizaranse obradoiros. Tamén haberá actos para datas como a Galiza Mártir, a entrega dos Premio so Certame Terra Chá da Infancia e Mocidade ou o Festival Urban Witiricus.
«Pardiñas existe grazas aos artistas, que todos os anos se preparan para que as artes sigan vivas entre nós e nos sigan emocionando»
Alfonso Blanco, coordinador de Xermolos e impulsor do festival, estivo esta semana no programa Voces de Lugo, de Radio Voz, falando desta nova edición de Pardiñas.
-Sería moi triste que en tantos anos de historia, o ano 2020 non existise no histórico do festival.
-Iso pensamos; e tamén animados por moita xente que está chamándonos de cote, de Galicia e de fóra, decidimos demostrar que seguimos aí, vivas e vivos, non só a asociación, senón a xente que quere participar na celebración. E sempre tendo en conta as medidas de seguridade que están prescritas para todos estes eventos. Pero queremos que a nosa cultura, a nosa música, a nosa fala, a nosa amizade e a nosa harmonía coas criaturas siga vixente.
«O coronavirus está aí, pero temos que loitar contra el a través destes xestos, destes sinais de vida, de boa convivencia e amizade»
-O espíritu de Pardiñas non morre, é inmune a todo.
-Unha mensaxe que recibimos polas redes dicíanos: «O festival de Pardiñas é o remedio contra o coronavirus». E nós pensamos, sempre o concibimos así, que a música e a cultura son unha ferramenta contra as pandemias, contra as desfeitas que nos afectan a nós, á natureza... e queremos, cun novo formato, celebrar a 41 edición, e mesmo decidimos alonxarnos do balneario para non crear aglomeracións. E si, estaremos o derradeiro sábado de agosto en Pardiñas, na Casa das Artes, e imos estar ao longo do mes de agosto, sobre todo as fines de semana. E a primeira semana, a propia do festival, imos estar non só nas vilas de Guitiriz e Parga, senón en varias aldeas, espallando o espírito de Pardiñas, que é feira e festa da música e da arte.
«Temos que crear unha sociedade na que, a través da ciencia, da medicina e da investigación, vaiamos evitando estas desfeitas»
-Serán actuacións máis cativas e descentralizadas.
-Si, e mesmo facendo unha chamada a que a xente siga pensando que Guitiriz está aí, e colaborando cos negocios, a manter vivo Guitiriz, a Terra Chá e todo o país. Temos que axudar ás creadoras e creadores a seguir adiante, estámolo pasando mal todas e todos, e non podemos dar as costas a alguén que nos está axudando ano tras ano a vivir máis alegres, a estreitar os lazos da nosa amizade. O coronavirus está aí, pero temos que loitar contra el a través destes xestos, destes sinais de vida, de boa convivencia e de amizade, que vai seguir fomentando o noso colectivo.
-¿Que pasa cos certames que se organizan paralelamente?
-Vai ser un día importante o 22 de agosto. Este ano recibimos tantos ou máis traballos de nenas e nenos, sobre todo máis vídeos, pero feitos en equipa, o que nos está a dicir que as crianzas están colaborando uns cos outros para que a nosa cultura e a nosa creación sigan vivas, e abofé que é necesario, porque o confinamento tamén produce desfeitas mentais. Por iso ese día 22, no campo da feira de Guitiriz, imos ter unha xornada dedicada ás nenas e nenos, con humor, música... e, sobre todo, van ser elas e eles os que van interpretar para as súas familias e a veciñanza. Por exemplo, levou un premio un grupo de rapeiras e rapeiros do colexio de Guitiriz, que ese día van interpretar. É interesante tamén o traballo que fixeron os de segundo de ESO do IES Poeta Díaz Castro, sobre Pardiñas; fixeron varios documentais, «Ganiñas de Pardiñas», con enquisas, traballos sobre como queren que sexa Pardiñas mesmo en tempos de covid...
«O confinamento tamén produce desfeitas mentais»
-A imaxe das numerosas tendas de campaña si que terá que agardar.
-Non vai poder ser, pero temos o medo de que algunhas e algúns se acheguen. Démonos conta, sobre todo estas semanas, que o nome de Pardiñas é máxico, e para algúns e algunhas parece que se lles quitas eses días de festa e convivencia xa lles quitas a vida. Pero bueno, nós espallamos para evitar aglomeracións. As persoas necesitamos deses encontros, con medidas, pero sen esquecer que necesitamos atoparnos, tocarnos, estar xuntas e xuntos, e temos que seguir soñando con eses encontros e que imos superar esta situación e mesmo que temos que crear unha sociedade na que, a través da ciencia, da medicina, da investigación vaiamos evitando estas desfeitas que estamos a vivir. E darnos conta de que é necesario coidar a terra.
-Tamén segue á venda ese deuvedé de «Cantando as corenta», desa edición máxica do pasado ano...
-Si, e queremos corresponder a todo o esforzo que fixeron o ano pasado, ensaiando moitas xornadas, non só os intérpretes, senón tamén a banda Pardiñazo, que foron once instrumentistas, do mellor de todo o país, que con Richi Casás estiveron preparando o «Cantando as corenta», un concerto que foi único. E precisamente imos proxectalo on-line os días propios do festival, o 1 e 2 de agosto. Pardiñas se existe é grazas aos artistas; a veces só miramos o presuposto, pero todos os anos elas e eles están preparándose para emocionarnos, para impactarnos, para que as artes sigan vivas entre nós e nos sigan emocionando.
«Pardiñas é feira e festa da música e da arte»