Sagrario Fernández, traballadora social: «En Lugo non hai vivenda dispoñible»

María Guntín
María Guntín LUGO / LA VOZ

LUGO

Sagrario explica que a provincia de Lugo é a terceira de España en inmobles deshabitados
Sagrario explica que a provincia de Lugo é a terceira de España en inmobles deshabitados ALBERTO LÓPEZ

A peza, estreada onte, leva o nome de ?A vivenda, un ben social?? e analiza a situación en Galicia

09 jul 2020 . Actualizado a las 05:31 h.

Sagrario Fernández é unha traballadora social de Lugo que dirixiu un documental estreado onte e que leva o título de ‘A vivenda, un ben social?'. A peza, impulsada polo Colexio Oficial de Traballo Social, analiza o acceso á vivenda en Galicia. Actualmente, esta muller desenvólvese no ámbito sanitario e antes, dedicouse aos servizos sanitarios comunicados.

—Como naceu esta idea?

—O documental xurdiu por un traballo que fixemos para falar das alternativas no tema da vivenda. Publicouno o Colexio e pensamos que este era un tema que non se manexaba o suficiente a nivel público. Entón, optamos por facer unha peza e eu encargueime do guión e Xosé Bocixa, da parte técnica. Puxémonos en marcha hai dous anos, que foi cando comezou a gravación.

—E como xorde?

—Xorde dos problemas que vemos a diario as traballadoras sociais porque non hai alternativas a nivel vivenda e hai moita xente que vive en lugares que non reúnen as condicións necesarias.

—Fáleme do principal problema.

—O problema é que hai moita xente que gasta medio soldo en ter unha vivenda. Co confinamento evidenciouse algo que xa estaba aí. Calquera traballadora social detecta que hai familias con ansiedade por problemas relacionados co lugar no que viven. E as máis afectadas son tamén as máis empobrecidas. Este é un factor que desestabiliza a niveis moi profundos.

—Unha vivenda non sempre é fogar.

—Hai unha diverxencia entre o fogar e a vivenda, porque os inmobles son algo máis que unha casa. Hai que empatizar, e un albergue, por exemplo, non é unha solución digna para as persoas que non teñen onde vivir.

—Como é a situación en Lugo?

—Lugo é un bo reflexo do que hai. Os datos do INE do ano 2015 amosan que en Galicia un dos problemas que hai é a falla de estudos sobre o estado de saúde das casas baleiras, pero si se sabe que a provincia de Lugo é a terceira de España con inmobles deshabitados. Ademais, estamos nunha cidade que pon moitas trabas á hora de alugar e na que non hai vivendas dispoñibles.

—Sempre se dixo que os pisos en Lugo son moi baratos.

—A vivenda está cara porque se converteu nun medio para especular. É necesario apostar pola dinamización do parque de vivendas e que tamén se protexa ós propietarios fronte á ocupación.

—O problema tamén é que faltan vivendas protexidas.

—En Galicia atopámonos co problema de que o número de vivendas protexidas foi baixando nos últimos anos. En total, hai 15.000 persoas no rexistro de demandantes de vivenda de Galicia, o que evidencia que non chegan.

—Este é un tema a debater.

—Fixemos este documental para crear debate social sobre un tema do que hai que falar. E porque nos temos que replantexar se podemos seguir creando macroproxectos ou se sería máis normal rehabilitar as vivendas que temos. É cuestión de ética e de dereitos, pero tamén de lóxica residencial.

—Cales son as solucións?

—Hai que intervir os prezos da vivendas porque cunha política adecuada beneficiaríase todo o mundo.

—Cal é a súa demanda?

—Fan falla máis traballadoras sociais no Instituto Galego de Vivenda e Solo. Somos fundamentais para aportar solucións.