O goberno municipal de Lugo inviste 300.000 euros en cubrir as pistas de tenis de Frisga

LA VOZ LUGO

LUGO

O executivo de Lara Méndez inviste 300.000 euros en cubrir as pistas de Frisga
O executivo de Lara Méndez inviste 300.000 euros en cubrir as pistas de Frisga cedida

O executivo de Lara Méndez pretende con esta decisión ampliar o seu uso a todos os meses do ano

07 jul 2020 . Actualizado a las 14:17 h.

O goberno do concello de Lugo destinará 303.998 euros a cubrir as pistas de tenis do parque da Milagrosa, para que sexa posible facer uso das instalacións durante todo o ano. A Xunta de Goberno Local autorizará este mércores a apertura do proceso de contratación do proxecto, que terá un prazo de execución de tres meses.

O concelleiro de Deportes, Miguel Fernández, explica que "se trata dunha intervención coa que se pretende protexer das inclemencias meteorolóxicas dúas das catro pistas do complexo de Frisga, para incrementar a súa funcionalidade durante todo o ano". Tamén engadiu que se vai actuar concretamente sobre as dúas que están situadas máis ao norte e destacou o compromiso do executivo de Lara Méndez coas múltiples modalidades deportivas e coas demandas da veciñanza.

Media ducia de licenzas urbanísticas

Por outra banda, na sesión que se celebrará mañá, o goberno municipal outorgará media ducia de licenzas urbanísticas. Entre elas, destaca a construción dun edificio composto por soto, baixo e cinco plantas máis ático na Avenida da Coruña, orzamentada con 1,5 millóns de euros. Ademais, autorízase a ampliación dunha nave no polígono de As Gándaras e a realización de tarefas de mantemento en dúas vivendas de As Campiñas e Vilaestévez.