Deputación e Concello súmanse á conmemoración do Día do Orgullo

La Voz LUGO

LUGO

Homenaje del Concello en el cementerio a la comunidad LGTB
Homenaje del Concello en el cementerio a la comunidad LGTB CEDIDA

A institución municipal coloca no cemiterio de San Froilán unha coroa de flores coas cores da bandeira LGTB en recordo dos discriminados

27 jun 2020 . Actualizado a las 18:17 h.

A Deputación e o Concello sumáronse onte á conmemoración do Día do Orgullo, que se celebra o 28 de xullo, e ambas institucións homenaxearon de diferente maneira á comunidade LGBT. Así, a institución provincial emitiu unha declaración na que apoia o lema deste ano «Mulleres LTB: sororidade e feminismo», co que se pretende incrementar a visibilidade das mulleres lesbianas, trans e bisexuais. Pola súa banda, o goberno local colocou unha coroa no cemiterio de San Froilán para honrar ás persoas do colectivo que sufriron discriminación.  

A edil de Participación, Cristina López, precisou que o Concello quería homenaxear «a todas as persoas LGBT que repousan no cemiterio» e que ese xesto servira como «unha chamada ao conxunto da sociedade para avanzar na eliminación de todo tipo de discriminacións e violencia, especialmente contra a diversidade afectivo sexual».

Reivindicacións históricas

En canto ao Goberno da Deputación de Lugo, expresou mediante unha declaración o seu «firme compromiso na defensa das reivindicacións históricas do colectivo LGTBI» e o seu «respaldo ás políticas que contribúan a acadar unha sociedade que garanta os dereitos e a igualdade real das persoas LGTBI+».

A Deputación fai fincapé no lema que acompaña o Día do Orgullo de este ano «Mulleres LTB: sororidade e feminismo» para incrementar a visibilidade das mulleres lesbianas, trans e bisexuais. «Dentro do colectivo LGTBI+, as mulleres son as grandes invisibilizadas. Dende os anos 60, a reactivación da reclamación dos dereitos do colectivo visualizou sobre todo a cultura e a imaxe dos grupos gais masculinos. As mulleres lesbianas e trans permaneceron, maioritariamente, na sombra, invisíbeis», sinalou a institución provincial.