As noites de verán serán para a música e as visitas virtuais ao Mitreo

Laura López LA VOZ / LUGO

LUGO

O convenio Lugo Cultural adaptou a oferta de lecer coa programación «Na Bocanoite»

19 jun 2020 . Actualizado a las 05:00 h.

A programación deseñada ao abeiro do convenio Lugo Cultural chega este ano con novidades derivadas das restriccións pola pandemia do covid-19, e deu por resultado Na Bocanoite. Trátase dunha proposta adaptada á nova situación e que consistirá en noites de verán de concertos en vivo e en directo e visitas virtuais musicadas polo Mitreo. O programa foi presentado pola deputada de Cultura, Maite Ferreiro, e polo adxunto á Vicerreitoría de Coordinación do Campus de Lugo para Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata.

O primeiro dos espectáculos desenvolverase o xoves 25 ás 22.30 horas, cando o arqueólogo Celso Rodríguez Cao, acompañado da música de zanfona de Germán Díaz, conducirá, coa axuda de imaxes proxectadas na fachada lateral da Vicerreitoría, unha visita virtual a través da historia e dos restos achados na escavación do xacemento mitraico actualmente musealizado. Esta sesión será replicada o 9 de xullo, co grupo Solo Voces, e o día 23, de novo con Germán Díaz, «unha voz singular cun son plural» que, en palabras do crítico musical Carlos Pérez Cruz, faculta a este compositor «para emocionar e manter a respiración co que crea».

A música de Best Boy soará ao vivo desde a terraza da Casa do Saber o 2 de xullo. A banda liderada por Ángel Sánchez e Lucas Fernández presentará os temas de Cross the border. A cantautora arzuá MJ Pérez subirá o día 16 ao escenario habilitado na azotea da Casa do Saber coas composicións do seu último traballo, A Luz Prendida, así como outras pezas senlleiras. O 30 chegarán os boirenses Agorophobia.

As limitacións de aforo estipuladas pola normativa sanitaria vixente esixen regular o acceso de público a través do despacho de entradas numeradas. Os interesados en acudir deberán recoller o día antes de cada actuación as entradas, que se despacharán de balde nas oficinas da Área de Cultura sitas na Vicerreitoría, de 10.00 a 13.00 horas. No caso de choiva, sería no auditorio da Casa do Saber. As entradas do 1 ao 43 accederían ao primeiro pase, ás 19.30 horas, e do 44 ao 86 ao segundo, ás 21.00 horas.