Vadim Yukhnevich, de Candorka Trío: «O concerto é unha oportunidade para alcanzar máis público»

Laura López LA VOZ / LUGO

LUGO

Candorka Trío actuará o día 18 en liña e o 27 no Clavicembalo
Candorka Trío actuará o día 18 en liña e o 27 no Clavicembalo Aleksandra Dmitrieva

O grupo actuará o xoves 18 en liña ás 20.30 horas, presentando o seu primeiro disco, de folk, «Fonsagrada»

16 jun 2020 . Actualizado a las 23:24 h.

Vadim Yukhnevich é o acordeonista do grupo lucense Candorka Trío -do que tamén forman parte Brais Monxardín e Miguel Anxo López-, que o xoves 18 ofrecerá o seu primeiro concerto en liña, a través da plataforma A Ponte Estudio de Gravación (apontestudio.com/candorka/). Será ás 20.30 horas e a entrada custa 8 euros, cun aforo de 125 persoas. O grupo, que comezou a súa andaina no 2019 apostando pola «música de raíz», sacou tamén o ano pasado o seu primeiro disco, Fonsagrada, que conxuga o repertorio folk e gaitístico da comarca fonsagradina con sonoridades que proceden do jazz europeo, do rock ou da vertente clásica.

-Por que decidiron facer este concerto en liña?

-Xurdiu desde o estudo de gravación A Ponte, porque coa crise do coronavirus quedou todo o sector musical paradísimo, abandonado, sen esperanzas. Puiden seguir o concerto en liña de Barroso e gustoume moito, soaba con moi boa calidade, así que dixemos, «por que non probar este formato?».

-Como será a actuación?

-Para nós tamén é algo novidoso, nunca o fixeramos antes. Vai ser raro tocar sen ver ao público diante; máis ben, sen sentilo. Todos os que traballamos nos escenarios sabemos o agradable que é sentir á xente, mesmo a pesar dos nervios que produce o «risco» san que corre un músico cando se «enfronta» ao público, ao seu xuízo... pero, por riba de todo, intentamos transmitir. Así que agora teremos que facer un exercicio para imaxinar iso, como cando gravamos un disco.

Pero este formato tamén ten vantaxes, pois este concerto é unha oportunidade para alcanzar máis público, para acceder a xente que non nos coñecía, para facernos publicidade. Mesmo a persoas de fóra de Galicia. De feito, teño amigos de Bielorrusia que xa se interesaron pola actuación.

-Que temas interpretarán?

-Temos un bo proxecto de folk, que é unha música eterna, porque supón unha selección de material sonoro que perdurou séculos. E a isto súmase a interpretación persoal. No noso caso, temos algún tema propio por completo, e tamén temas populares, neste caso, co disco Fonsagrada, de gaiteiros da zona da Fonsagrada, nos que despois nós fixemos arranxos. O toque de gaita é propiamente fonsagradino, pero o deseño e o acompañamento é moito máis atrevido, tamén nas mesturas. É realmente un disco moi coidado, froito de dous anos de traballo previo, tendo como base a música de raíz folclórica galega.

-Non é difícil para un músico natural de Biolorrusia, como no seu caso, mergullarse no folk galego?

-É certo que son nativo de Bielorrusia e que o meu instrumento, o acordeón, pertence alá ao grupo de instrumentos folclóricos. Pero dentro da educación que recibimos en Bielorrusia, sempre tivemos acceso a música folk doutros países. E non estamos tan lonxe musicalmente. Mesmo compositores rusos usaban temas da Península. O propio Capricho Español, de Rimski-Kórsakov, incorpora unha alborada asturiana. Agora levo xa vinte anos aquí e desde o primeiro momento me mergullei facilmente no folk galego, sentinme sempre moi a gusto.

-Como se presenta o verán para o grupo?

-Pois houbo máis cancelacións que datas novas, pero esa ausencia de ideas e iniciativas no ámbito musical é algo que tamén se está dando noutros países de Europa. O primeiro concerto nos escenarios será o día 27 no Club Clavicémbalo. E o 26 de xullo actuaremos en Santiago. É o que temos pechado. O sector da música quedou moi castigado con esta crise, e os músicos tampouco axudamos se seguimos sendo tan individualistas. Ademais, creo que os que organizan os eventos deberían ter máis criterio á hora de seleccionar aos grupos, e ten que haber unha maior transparencia nas convocatorias que se fan no ámbito da música, con igualdade de oportunidades para todos. Compartir máis e colaborar é o que máis boto en falta, é o que nos fai avanzar e medrar, algo que, porén, si que creo que existe entre os actores, máis valentes e organizados á hora de reivindicar os seus dereitos. Facer as cousas de forma transparente non é difícil, pero custa entender que ten que ser así, e isto non só se dá na música, senón tamén en máis ámbitos da sociedade.

-Tamén son finalistas nos premios Martín Códax da Música...

-Si, somos finalistas na categoría de folk, xunto a Caldo e Susana Seivane. Estamos moi felices porque o noso aínda é un proxecto moi novo.

«O folk é unha música eterna porque é material sonoro que perdurou séculos»